O arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Francisco José Prieto Fernández, foi recibido en audiencia privada polo papa León XIV o pasado luns, 5 de xaneiro, nun clima de cordialidade e proximidade.
Durante o encontro, o arcebispo presentou ao Santo Padre un completo dossier sobre o Ano Santo Compostelán 2027, que ofrece unha visión global e estruturada da celebración xubilar en Santiago de Compostela. O documento concibe o Ano Santo non só como un acontecemento de gran afluencia de peregrinos á Catedral, senón como un auténtico itinerario de espiritualidade, acollida e compromiso, coa implicación de toda a diocese e unha clara proxección internacional.

O dossier expón as tres grandes dimensións que articulan a experiencia do peregrino: a dimensión litúrxica e sacramental; a dimensión pastoral e de acollida; e a dimensión educativa, cultural e social. A partir deste enfoque, detállanse propostas e liñas de traballo en ámbitos como a liturxia, os plans pastorais, a comunicación e as estratexias de difusión, a acción social a través de Cáritas, a organización do voluntariado, as actividades culturais e académicas, así como o financiamento das distintas iniciativas previstas.
Así mesmo, o documento subliña a dimensión universal do Ano Santo mediante a implicación da Arquiconfraría Universal do Apóstolo Santiago, as confrarías vinculadas, a peregrinación de relicarios e a colaboración activa de arciprestazgos, movementos diocesanos e comunidades parroquiais en todas as fases de preparación e celebración.
Entre as iniciativas destacadas figura a Peregrinación Europea de Mozos, considerada un referente pastoral para a mocidade e estreitamente vinculada ao Camiño de Santiago e á tradición xubilar compostelá. Baixo o lema «Mozo, érguete e sé testemuña. O Apóstolo Santiago espérate» , a última edición celebrouse en agosto de 2022 e reuniu a miles de mozos de diversos países europeos. De cara ao Ano Santo 2027, contémplase a posibilidade de organizar unha nova edición deste encontro, co obxectivo de renovar a proposta pastoral dirixida aos mozos e reforzar o seu vínculo coa experiencia da peregrinación xacobea.
Durante a audiencia, monseñor Prieto Fernández trasladou tamén ao Papa a invitación formal a peregrinar a Santiago de Compostela en 2027 con motivo do Ano Santo. O encontro supuxo un importante respaldo ao proceso de preparación do Xubileu, concibido como unha oportunidade para profundar na fe, a acollida e o compromiso social, e para ofrecer ao mundo a riqueza espiritual, cultural e humana que brota da tradición xacobea.




