Mozas e mozos de Xeorxia e de Venecia visitan Rois en resposta a intercambios internacionais

14 Xaneiro 2026

Un grupo de corenta mozas e mozos procedentes de Xeorxia e Venecia participan este mércores 14 de xaneiro en Rois nunha xornada de convivencia vencellada ao intercambio xuvenil internacional que lle dá continuidade ás viaxes realizadas por mocidade de Rois a estes destinos durante o pasado verán.

Durante unha semana, o grupo visitante coñecerá distintos puntos da xeografía galega, así como a nosa realidade cultural, social e institucional. No marco deste programa, este martes foi recibido no Parlamento de Galicia polo deputado Ángel Conde, un encontro no que participou o concelleiro roisense Manolo Cobas.

A xornada de hoxe, na comarca do Sar, iniciouse no auditorio do Multiúsos coa recepción oficial dunha delegación municipal encabezada polo alcalde, Ramón Tojo, e da que tamén formaban parte os concelleiros Mercedes Basante, Victoria Quiroga e Manolo Cobas. A continuación, o grupo desprazouse a Sorribas para coñecer as instalacións e o traballo da asociación de persoas con discapacidade intelectural AMIPA e visitou tamén o Campus Tecnolóxico de Cortizo.

O programa ten maior protagonismo cultural pola tarde, cando o grupo visitará a Casa de Rosalía de Castro, achegándose á figura da nosa escritora máis universal, e terá oportunidade de gozar da música tradicional galega coa actuación da agrupación de cantareiras das Amas de Casa de Rois. A convivencia pecharase cunha degustación de chocolate con churros.

A visita a Galicia deste grupo de mozas e mozos responde á segunda fase do intercambio xuvenil que levou a mocidade de Rois, Tordoia e A Laracha a coñecer Xeorxia e Venecia o pasado verán. Entre os días 24 de xuño e 1 de xullo, rapazas e rapaces de Rois viaxaron a Venecia grazas a un intercambio coa escola técnica profesional IIS Vendramin Corner, mentres que entre o 8 e o 15 de xullo desprazáronse a Xeorxia, convidados polo centro de lingua e cultura españolas Abanico. No transcurso destas estadías, as delegacións roisenses participaron en distintas actividades educativas e culturais, realizaron excursións e reforzaron os seus vínculos con grupos doutros países.

O Concello de Rois mantén dende hai varios anos unha aposta continuada polos intercambios internacionais co obxectivo de enriquecer a formación da mocidade do municipio e impulsar o diálogo intercultural. Ademais destes programas xuvenís, promove tamén intercambios a través da Escola Municipal de Música, como o realizado en abril do pasado ano coa Academia de Música da localidade portuguesa de Santo André, así como outros encontros celebrados en anos anteriores en países como Letonia ou Italia.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.