Cheo completo na inauguración da mostra de Che Tembra “Castelao na vila da area” na Pobra

17 Xaneiro 2026

Este venres 16 de xaneiro, o Centro Cultural Raquel Fernández Soler da Pobra do Caramiñal, acolleu a inauguración da exposición Castelao na vila da area, do rianxeiro Che Tembra.

A cita, á que asistiron o alcalde, José Carlos Vidal, e a concelleira de Cultura, Patricia Lojo, congregou a un amplo número de asistentes. Ademais do propio autor da mostra, acudiron á apertura o rexedor de Boiro, José Ramón Romero, e Manuel Cartea, da Asociación Barbantia.

Na colección, conformada por unha trintena de pezas, Che Tembra propón ao público unha relectura contemporánea da figura e do legado de Castelao. Todo a través de cadros e caricaturas escultóricas elaborados en ferro, aceiro e madeira autóctona, materiais recuperados e transformados no obradoiro do artista en Fonte Susán (Taragoña, Rianxo).

As persoas asistente puideron gozar da arte de Tembra, pero tamén da actuación musical que ofreceu o grupo Barahúnda. Esta colección de pezas poderá visitarse durante os meses de xaneiro e febreiro na Casa da Cultura. 

Tamén asistiron, en representación da Asociación A. E. D. M. R. Castelao, o presidente da entidade, Xosé Bravo, o secretario Xusto Ordóñez e os vogais da entidade Carmen García e Ramón Dios, acompañando e apoiando esta iniciativa cultural que pon en valor o legado de Castelao e a creación artística galega.

Como dixemos, a mostra reúne arredor dunha trintena de cadros e caricaturas escultóricas, elaboradas integramente no obradoiro que o artista Che Tembra mantén en Taragoña (Fonte Susán). As obras estarán dispoñíbeis para o público durante os meses de xaneiro e febreiro, ofrecendo unha oportunidade única para achegarse a unha creación que une tradición, memoria e identidade.

A Asociación Etnolóxica Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao honra a Che Tembra

A Asociación A. E. D. M. R. Castelao, entidade dedicada á protección, difusión e posta en valor do patrimonio cultural vinculado a Castelao e á historia de Rianxo, quixo salientar o profundo valor artístico e simbólico do traballo de Che Tembra. O escultor, herdeiro da tradición dos antigos ferreiros galegos, “converte o seu obradoiro nun espazo onde o lume, o metal e a memoria dialogan para dar vida a auténticas obras de arte contemporánea”, salientaron dende a asociación, engadindo que “o traballo de Che Tembra nace dun gran dominio da forxa, aprendido con anos de experiencia e moita dedicación; nas súas mans, o ferro deixa de ser un material frío para converterse nun medio que transmite emoción, lembranza e identidade (…) Cada peza está feita con coidado, combinando técnica e sensibilidade galega para recuperar os oficios que forman parte da nosa historia e a súa obra conecta de maneira espontánea co universo simbólico de Castelao, unha figura clave do galeguismo, creando unha ligazón sincera entre a tradición e a creación actual”.

O acto de inauguración contou cun momento especialmente emotivo, a actuación de Helena de Alfonso e José Lara Gruñeiro, do grupo Barahúnda, que interpretaron Lela, a célebre peza con letra de Castelao incluída en Os vellos non deben de namorarse. A música, unida ao espírito da forxa, converteu a velada nun encontro onde arte, palabra e memoria se entrelazaron para celebrar a vixencia da cultura galega.

A Asociación A. E. D. M. R. Castelao , expresou o seu recoñecemento ao traballo de Che Tembra e ao seu compromiso co galeguismo ao longo de toda a súa vida e da súa obra. “As súas esculturas non son só creacións artísticas, son fragmentos de identidade, memoria e resistencia cultural, capaces de conectar pasado e presente a través do ferro”, engadiron dende a entidade rianxeira, salientando “que o seu labor é apoiar e defender o patrimonio de todos os rianxeiras e rianxeiros, así como acompañar e dar visibilidade a aqueles artistas que, coma Che Tembra, non só traballan coas súas mans, senón que levan no seu facer a esencia do rural, o orgullo do noso concello e a forza dunha tradición que segue viva; creadores que, desde lugares pequenos pero cheos de identidade, transforman materiais humildes en cultura, memoria e futuro”.

Outros artigos

Estabilizado o lume de Ribasieira (O Son)

A Consellería do Medio Rural informou de que o incendio forestal rexistrado no concello coruñés do Porto do Son, parroquia de Ribasieira, quedou estabilizado ás 18,15 horas de hoxe. O lume iniciouse ás 14,42 horas de onte e segundo as últimas estimacións provisionais...

+

Este mércores 23, comeza o outono logo dun verán de récord

Este verán foi o de maior número de días con temperatura máxima por riba dos 30 graos en Compostela, segundo datos do Observatorio Astronómico da USC Comeza o outono. Foto: Santi Alvite Ás 2:05 horas do mércores 23 dá comezo o outono no hemisferio boreal. Esa hora...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Axúdanlles moito máis aos estranxeiros que ás familias humildes da zona”. Observo como unha muller inmigrante, entregaba un cupón de alimentos, e saía do supermercado con dous carros repletos de comida, mentres que a unha veciña, sen apenas recursos, só lle dan unha...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.