“Cento cinco anos do “Titanic” da costa galega. O Santa Isabel, lustres de heroicidade” 

02 Xaneiro 2026

Este venres cúmprense 105 anos do afundimento do vapor-correo Santa Isabel. 213 persoas perderon a vida naquela traxedia, a terceira en número de vítimas civis dun naufraxio en Galicia. Lembramos hoxe neste artigo a memoria dos homes e mulleres e do pobo que se volcou na axuda ós naúfragos daquela noite.

Xosé María Fernández Pazos. Historiador/Xornalista. Cronista Oficial de Ribeira

——————————

O 2 de xaneiro de 1921, o buque Santa Isabel naufragou na Illa de Sálvora, na bocana da Ría de Arousa. Unha traxedia humana plagada de actos de heroísmo, no que morreron 213 persoas.

En 1914 mentres que no vello continente se loitaba corpo a corpo, a “Sociedade Española de Construción Naval” con sede en Matagorda (Cádiz) empeza a construír o primeiro dos dous buques que serian os mais modernos da frota da “Compañia Trasatlántica Española” con sede en Barcelona, o Santa Isabel e o San Carlos. Con vidas distintas, estes vapores-correo terían como misión recoller a emigrantes e pasaxeiros polos portos de España para despois trasladalos a América en transatlánticos transoceánicos desde o porto de Cádiz.

O protagonista da nosa historia é un deses barcos, o vapor-correo Santa Isabel, convertido por mor da mala sorte no “Titanic galego”, tal como o titularía a prensa do pais en lembranza o acontecido uns anos antes nas augas do Atlántico norte. Esa denominación do naufraxio do vapor garda similitude co acontecido co buque británico.

Naquela aciaga noite de xaneiro atopamos fronte a comportamentos heroicos feitos repudiables, algúns deles que incluso hoxe non merece a pena difundir, pero en todo caso estes últimos é necesario non tiñan como protagonistas a ninguén das terras de Arousa norte e moito menos ós habitantes da illa de Sálvora, os tripulantes do vapor e ós veciños das parroquias de Carreira e Ribeira. En todo caso non deixan de ser sucesos puntuais e anecdóticos que non deben empañalo comportamento xeral de tódolos habitantes da ría.

O Santa Isabel levaba operativo apenas catro anos cando naufragou fronte a Sálvora. O vapor fora entregado á armadora o 26 de outubro de 1916 e sufriría unha avaría nas turbinas na súa primeira travesía a altura de Valencia que obrigou a trasladar a pasaxe a Barcelona en tren.
Tralos arranxos a navieira destinou o vapor-correo á chamada ruta do norte entre Bilbao e Cádiz e alternativamente entre esta cidade e a colonia de Fernando Poo, pasando por Canarias, ruta esta da que sería substituído polo seu xemelgo o San Carlos, por certo con mellor sorte que o Santa Isabel xa que tería unha longa vida e estaría operativo ata 1956, si ben foi vendido a unha compañía americana e estaría operativo co nome de Cuba ata que foi esnaquizado, operando no Caribe.

—–

Dous de xaneiro de 1921, as costas galegas vivían unha das maiores traxedias marítimas civís da súa historia, o naufraxio do vapor-correo Santa Isabel, un buque de pasaxeiros que embarrancaría nos baixos da Illa de Sálvora. O vapor Santa Isabel era un buque dos chamados correo, é dicir dedicábase a percorrer os portos da península para trasladar a pasaxe con destino á emigración americana. A súa navegación transcorría sen maiores sobresaltos ata a noite do segundo día de 1921.

Aquela madrugada o Santa Isabel, dirixíase ó porto de Vilagarcía de Arousa procedente do da Coruña de onde partiría a primeira hora da tarde do sábado un de xaneiro do recen estreado ano. Unhas horas antes da traxedia e cando o vapor se encontraba a altura de Fisterra empezaría o mal tempo que orixinaría o naufraxio. A velocidade media do vapor era de dez nós, o que lle impediu escapar do temporal e poñerse a salvo no interior da ría.

A madrugada do seu afundimento, o Santa Isabel enfilara a entrada da Ría de Arousa tomando como referencia os faros de Ons e Sálvora. Eran as primeiras horas do domingo cando un temporal do suroeste fixo que o vapor embarrancara nos baixos das chamadas Pegar situadas fronte ó faro da illa salvorense.

A mala visibilidade e o forte mar de fondo do suroeste, obrigou o propio capitán do buque, o asturiano Esteban García Muñiz, a permanecer na ponte da nave. A situación meteorolóxica fixo que o vapor-correo se desprazara máis rápido do previsto cara o norte, e en vez de enfilar a canle de entrada da ría colidiu contra a costa da illa preto de Besugueiros. O capitán ordenou a manobra de ciar ou marcha atrás, pero o buque, o ir case en lastre, non obedeceu tan rápido como debía e montou sobre a Pegar, abríndose tres fendeduras polas que comezou a entrar auga e con iso a afundirse.

Era a 1 e 50 minutos da madrugada do domingo 2 de xaneiro. O Santa Isabel levaba a bordo 266 persoas entre pasaxeiros e tripulantes, os cales tratarían de poñerse a salvo e a maioría deles 213, morrerían afogados e esnaquizados nos botes salvavidas contra os baixos da illa.

O número de vítimas mortais sería maior se non fose pola intervención do segundo oficial don Luís Cebreiro. Este ferrolán, o oficial máis condecorado da mariña civil española na primeira metade do século XX, evitou que morresen máis persoas ó reter a bordo do bote número 8 a case trinta pasaxeiros e tripulantes, esquivando que o mesmo fose contra as rochas como acontecera cos outros botes que pola présa de saír do vapor foron guindados contra os baixos da illa.

Pero se salientable foi a actuación deste mariño, máis digna de mención foi a actuación das mulleres e homes da illa. Era fin de semana e aninovo e na pequena aldea de Sálvora soamente quedaban os máis mozos e os máis vellos, xa que o resto dos habitantes estaban celebrando o comezo de ano cos seus familiares na parroquia de San Paio de Carreira, a onde pertencía a illa neses tempos.

A noticia do embarrancamento do Santa Isabel chegaría á aldea levada por un dos torreiros do pequeno faro sobre as cinco da mañá. Inmediatamente tres mulleres María Fernández (16), Cipriana Oujo (24) e Josefa Parada (32), botáronse cara a praia da Area dos Bois onde permanecían varadas as dornas dos colonos, iso a pesar das recomendacións dos mais vellos. Con esta acción iniciaríase un dos feitos máis heroicos do salvamento marítimo das nosas costas, xa que as mulleres vogarían durante varias millas nunha madrugada de temporal iniciando o rescate dos pasaxeiros que en botes, e tratando de poñerse a salvo, estaban a punto de bater contra as rochas. Serian axudadas desde terra por outra veciña Cipriana Crujeiras (48).

Despois de poñer a salvo os mesmos, as mulleres regresarían varias veces e entre dúas augas traerían a terra a varios náufragos poñéndoos a salvo na pequena enseada que conforma hoxe o peirao de Sálvora.

A nova do naufraxio do Santa Isabel chegaría á recen estreada cidade de Santa Uxía de Ribeira sobre as 10 da mañá, iniciándose inmediatamente o salvamento e saíndo cara a Sálvora varios pesqueiros que traerían horas despois os náufragos e tamén os primeiros cadáveres dos afogados. A cidade apoiaría as vítimas acollendo nas súas casas ós superviventes daquela traxedia incluso durante varias semanas.

 As declaracións de pasaxeiros, tripulantes e do segundo oficial e a investigación ordenada pola autoridade de mariña, eximiría de calquera responsabilidade o capitán do buque, coñecedor da ruta, e que cumpriu o de ser o último en abandonar o barco.

O comportamento das mulleres, homes de Sálvora e do pobo de Santa Uxía de Ribeira coas vítimas, sería recoñecido coa entrega da medalla de salvamento marítimo e con diversas condecoracións de organizacións e institucións como a cidade de Vigo, que apoiaría as heroínas cun masivo recibimento do pobo e das autoridades a mediados de febreiro dese ano.

A prensa da época recollería con grandes titulares a información deste naufraxio, que na lembranza e imaxinación popular sería chamado o “Titanic galego”, xa que xunto o elevado número de vítimas, morreron 213 pasaxeiros e salváronse 53, a súa historia está chea de feitos verdadeiramente heroicos e tamén como non de miserias dignas das mellores traxedias.

O afundimento do Santa Isabel foi o quinto naufraxio en número de vítimas da historia marítima de Galicia e o terceiro en mortos civís. Desgraciadamente os recoñecementos e loubanzas non terían un final feliz principalmente para as súas protagonistas. As envexas, os celos e os comentarios mal intencionados, levantarían, co paso do tempo, unha falsa lenda sobre a intervención dos aldeáns de Sálvora na noite do naufraxio renacendo a historia dos “raqueiros” tan presentes en boa parte dos afundimentos das nosas costas.

Heroínas de Sálvora

A investigación oficial e xornalística da época desmentiu taxativamente esas malas interpretacións, e a prensa sairía en defensa das mulleres e homes de Sálvora. Pero o mal estaba xa feito e as mulleres quixeron esquecela ofensa aínda que non perdoaron o dito. O capitán don Estebán Muñiz e o propio segundo oficial do buque don Luís Cebreiro, o mais condecorado da mariña española que salvaría coa súa actuación a mais de trinta persoas, sairían en defensa das mulleres e dos homes da illa e do seu comportamento.

Anos despois as mulleres intervirían tamén no rescate doutros dous naufraxios. Por certo Cebreiro volvería a Ribeira durante anos cada final de decembro ou principios de xaneiro, cando o seu barco atracaba en portos galegos para asistir ás honras fúnebres que se celebraban na parroquia ribeirense en memoria das vítimas.

Durante décadas os buques da “Compañía Transatlántica Española”, propietaria do vapor-correo “Santa Isabel”, fixeron soar as súas sirenas en sinal de respecto e recordo das mulleres e homes mortos naquela traxedia cada vez que pasaban fronte ós baixos de Sálvora.

A memoria popular mantivo vivo o naufraxio, e incluso os populares cantares de cego fixéronse eco do acontecido naquela tráxica noite durante años. Despois o silencio, o sucedido quedou vivo unicamente na memoria popular como un dos feitos máis heroicos das costas galegas.

Hoxe o cumprise cento cinco anos a historia recupera o sucedido naquela traxedia que está inscrita na crónica marítima de Galicia.

A prensa, asociacións e institucións propuxeron que Ribeira recibira o título de “Moi nobre, leal e humanitaria”. Desgraciadamente o asasinato en marzo de Eduardo Dato, primeiro ministro presidente do consello de ministros, aparcaría a proposta que quedou no arquivo.

A pesar diso o Santa Isabel pasaría o esquecemento oficial quedando unicamente na memoria popular. Honor e lembranza ás heroínas e heroes do Santa Isabel no seu aniversario.

Xosé María Fernández Pazos. Historiador/Xornalista. Cronista Oficial de Ribeira

Outros artigos

Mércores 7, xornada de tempo variable

Este mércores 7, San Raimundo, quedaremos baixo unha situación intermedia entre altas e baixas presións. O día presentarase con ceos parcialmente nubrado e precipitacións intermitentes durante a mañá, especialmente na metade norte e interior da Comunidade. Co avance...

+

“OTAN o NATO”. Manuel Dominguez III

¿Para qué sirve? La OTAN, Organización del Tratado Atlántico norte, se creó para que la unión de occidente europeo y norte de América, pudieran defenderse mutuamente si uno de los países fuese atacado, por otra potencia, léase Rusia. El problema surge cuando tenemos...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“Carta real a los Magos”. José Castro López

“Carta real a los Magos”. José Castro López

Después del mensaje real aparecieron dos clases de exégetas. Los que aplauden suspalabras sin darse por aludidos y los críticos que nunca defraudan y reproducen lavaloración negativa de años anteriores, que repetirán la siguiente Nochebuena.Lo cierto es que el Rey...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.