Belén do Campo destaca en FITUR a importancia turística da ruta náutico-xacobea pola ría de Muros e Noia

22 Xaneiro 2026

A delegada da Xunta de Galicia, Belén do Campo, participou este xoves 22 de xaneiro no salón turístico estatal FITUR na presentación da VI Ruta Náutica Rías Baixas – Camiño de Santiago Ría de Muros Noia, unha iniciativa que definiu como “unha proposta que representa á perfección o que é Galicia e o que Galicia quere ofrecer ao mundo: identidade, historia, cultura, mar e hospitalidade”.

Na presentación no stand de Galicia, a delegada estivo acompañada por Alechu Retolaza, vicepresidente do Monte Real Club de Yates de Baiona, e de Luis Oujo, presidente da Asociación Ría de Muros Noia e alcalde de Porto do Son, así como de “todas as persoas e entidades que fan posíbel esta iniciativa e que hoxe presentamos”.

A representante da Xunta puxo en valor esta ruta náutico-peregrina que combina a navegación polas Rías Baixas cun tramo final a pé ata Santiago de Compostela, integrando tradición marítima, cultura e turismo. “Falamos dunha experiencia que une o mar e a terra, o esforzo e a espiritualidade, o patrimonio natural e o patrimonio histórico”, sinalou, salientando que a ruta se inspira nas antigas travesías de peregrinos que chegaban por mar a Galicia, recuperando un legado histórico fundamental durante séculos.

“Porque o Camiño de Santiago non foi só camiñado: tamén foi navegado”, afirmou, explicando que o percorrido náutico abrangue centos de millas mariñas, pasando por lugares emblemáticos do litoral galego como Baiona, as Illas Cíes, Combarro, A Pobra do Caramiñal, Muros ou Portosín. Tras a navegación, as persoas participantes completan a fase terrestre do Camiño ata a Catedral de Santiago. “A chegada ao Obradoiro, cargada de emoción, marca o final dunha experiencia transformadora que une mar e terra, tradición e descubrimento”, dixo.

A delegada subliñou tamén que “non estamos ante unha recreación simbólica, senón ante un camiño plenamente recoñecido”, e puxo esta iniciativa como exemplo do potencial do territorio das Rías Baixas e do Barbanza.

Concretamente, a Asociación Ría da Estrela (que agrupa aos concellos de Porto do Son, Lousame, Muros, Noia e Outes) presentou dúas novas peregrinacións marítimas. Unha con etapa previa en Oporto, VI Ruta Rías Baixas-Camiño da Ría Muros Noia, a peregrinación marítima máis numerosa da historia moderna non competitiva e co maior número de participantes na Europa Atlántica, que este ano afronta o reto de iniciarse en Portugal e outra nova ruta de peregrinación máis ligada á navegación histórica de mariñeiros como Pietro Querini, un dos primeiros roteiros de peregrinación documentadas do Camino da Ría de Muros Noia e base do roteiro cultural Vía Querinissima, que vincula a catorce países de Europa.

Neste sentido, salientou que estas rutas “devolven ao mar o seu papel como camiño, como vía cultural e espiritual, e conecta o presente cun pasado profundamente europeo”, indicou.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.