
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e mantemento fluvial en máis de 3,6 quilómetros nos ríos Vilacoba e Vilaboa, ao seu paso polos concellos de Lousame e Noia.
En concreto, as tarefas, que xa foron comunicadas aos concellos, desenvolveranse nun tramo de 2,57 quilómetros do río Vilacoba (tamén coñecido como río Manlle) ao seu paso polas parroquias de Santa Cristina de Barro, San Martiño de Noia e San Xoán de Lousame.
Tamén se actuará en máis de 1 quilómetro no río Vilaboa nas parroquias noiesas de San Santa María de Argalo e Santa Mariña do Obre.
Augas de Galicia explicou que os traballos prolongaranse durante arredor de seis semanas e consisten “na retirada de árbores caídas e biomasa presente na canle fluvial para evitar atoamentos e realizaranse coa aplicación de motoserras, rozadoiras e outras ferramentas manuais, e co apoio de maquinaria de maiores dimensións como un tractor e unha carretilla”.
Unha vez finalizadas as obras programadas polo organismo hidráulico dependente do Executivo galego, estes tramos fluviais quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das augas.
Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas zonas de acceso e protección. Neste caso trátase ademais do mantemento de zonas catalogadas como de alto risco potencial significativo de inundación (Arpsi).
O fin último dos traballos é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.




