A Deputación leva “A paisaxe que sabe” a Madrid Fusión 2026 cun amplo programa de demostracións

24 Xaneiro 2026

A Deputación da Coruña volverá amosar en Madrid Fusión a calidade e diversidade da súa cadea agroalimentaria a través da campaña ‘A paisaxe que sabe’. Na cita gastronómica de referencia internacional, que se celebrará do 26 ao 28 de xaneiro, a institución provincial desenvolverá unha programación continuada de presentacións, demostracións, relatorios, catas e degustacións protagonizadas por produtos e profesionais da provincia.

O posto da institución estará situado no pavillón 14 do recinto feiral IFEMA. Alí, a Área de Turismo e Promoción Económica, dirixida por Xosé Regueira, presentará unha proposta que combina a posta en valor do produto local coa creatividade culinaria e a divulgación gastronómica, ofrecendo ao longo dos tres días un amplo abano de actividades abertas ao público profesional.

O programa inclúe showcookings a cargo de Fabián Mouzo, do restaurante O Camiño Fala de Mazaricos; Silvia Facal e Rafa Varela, do restaurante Balarés de Ponteceso; e Lucía Freitas, do restaurante A Tafona de Santiago de Compostela, distinguido cunha estrela Michelin. As súas elaboracións permitirán amosar distintas aproximacións á cociña galega contemporánea a partir de produtos da provincia, desde receitas tradicionais reinterpretadas até propostas de alta cociña vencelladas ao territorio.

Xunto á cociña en directo, o posto da Deputación acollerá numerosas presentacións e degustacións de produtos como as Gallegas de Nata da Coruña, a Fabada Galaica da Despensa D’Lujo de Coristanco, as conservas da Conserveira, os queixos con denominación de orixe Arzúa-Ulloa, os produtos de Chichalovers de Santiago de Compostela ou as elaboracións dos Biosbardos de Cambre, entre outras propostas que poñen o foco no produto de proximidade e na súa versatilidade gastronómica.

A programación complétase con relatorios e catas a cargo do catador e formador Alejandro Paadín, centrados en distintas zonas vitivinícolas galegas como Betanzos, Barbanza e Iria ou a Ribeira do Ulla, así como cunha cata vertical de queixos conducida por Óscar Ramil, xerente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa.

Cuarta participación

Con esta edición son xa catro as que a Deputación da Coruña está presente en Madrid Fusión, “o primeiro gran evento do ano no que os produtos e os produtores, e en xeral toda a cadea de valor da gastronomía da provincia da Coruña, se destacan nun escenario privilexiado diante de público profesional»”, salienta Xosé Regueira.

A través desta participación, a Área de Turismo e Promoción Económica reafirma o seu “compromiso coa promoción turística e gastronómica da provincia, apoiándose na excelencia do produto, no talento profesional e na identidade do territorio como eixes dunha proposta recoñecíbel e de calidade” no principal escaparate gastronómico do Estado, conclúe o vicepresidente.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.