O Concello de Dodro fixo un chamamento á responsabilidade da veciñanza no uso axeitado dos contedores de lixo, despois de detectar nos últimos días a presenza de residuos de todo tipo nos contedores verdes, unha práctica que dificulta a reciclaxe e incrementa o custo da recollida.

Segundo informou o goberno local, en varios puntos do municipio apareceron bolsas con lixo mesturado nos contedores destinados aos restos orgánicos. En semanas anteriores tamén se localizaron restos de ramas e poda nestes mesmos recipientes, pese a que existen espazos habilitados en distintas parroquias para depositar residuos vexetais, que posteriormente son recollidos e tratados polo propio Concello.
Desde a administración municipal lembran que tanto o papel como os envases dispoñen dos seus propios contedores e seguen procesos de reciclaxe diferentes aos do lixo orgánico. Ademais, o Concello informa de maneira periódica da localización do punto limpo móbil, onde se poden depositar residuos especiais como pilas, aparellos electrónicos, pinturas, vernices ou aceite usado.
O Concello tamén dispón dun número de teléfono específico para a recollida de residuos voluminosos, co obxectivo de facilitar á cidadanía a correcta xestión deste tipo de refugallos.
Mesturar os residuos nos contedores non só complica a súa xestión e tratamento, senón que tamén supón un aumento dos custos que debe asumir o Concello, facendo aínda máis deficitario o servizo. Por iso, desde o goberno local insisten en que a separación e a reciclaxe, así como o coidado dos espazos comúns, son unha responsabilidade compartida.
Finalmente, o Concello de Dodro agradece a colaboración da veciñanza e anima a facer un uso correcto dos servizos públicos para avanzar cara a un municipio máis limpo, sostible e comprometido coa reciclaxe.




