Dodro entrega o XXXVIII Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón nun acto multitudinario

14 Decembro 2025

O Concello de Dodro celebrou este sábado a entrega do XXXVIII Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, nun salón de actos ateigado de público, no que tamén se fixo entrega do Minipremio de Poesía dirixido a alumnado de primaria e ESO.

A gañadora do principal galardón foi a autora Inés Mosquera pola obra Upupú, presentada baixo o lema “A ditadura da bubela”. O xurado destacou que se trata dunha proposta construída “cun poema e o corpo dun animal, unha poética concibida desde a linguaxe do animal, coa súa mesma axilidade e instinto”. Ao recoller o premio, Mosquera amosouse “moi feliz e moi agradecida de estar aquí hoxe e de formar parte dese grupo de autores e autoras que participan da lembranza colectiva da figura de Eusebio Lorenzo Baleirón”, agradecendo tamén o labor de todas as persoas que fan posible a continuidade do certame ano tras ano.

Durante a súa intervención, a autora compartiu unha anécdota persoal relacionada coa figura do poeta homenaxeado, lembrando unha felicitación dun antigo profesor universitario que compartira piso con Eusebio Lorenzo Baleirón e que lle trasladou a vitalidade e a “chispa” que o caracterizaban.

O acto estivo conducido pola coordinadora do premio, Silvia Pena, e contou coa presenza do alcalde de Dodro, Xabier Castro, e do concelleiro de Cultura, Ramón Abuín. No seu discurso, o alcalde destacou o orgullo que supón para o municipio que a gañadora sexa natural de Padrón, subliñando a histórica relación entre ambas localidades e a vontade de seguir dignificando este premio nas vindeiras edicións.

No Minipremio de poesía “Das viaxes e dos soños”, o xurado outorgou o galardón na categoría de educación primaria a Sara Cascallar Novoa polo relato Máis alá das estrelas, do que se salientou a súa “mensaxe inspiradora que convida ao cambio para o benestar social”. Na categoría de ESO, a premiada foi Xulia Otero Blanco polo vídeo-poema Efémera, destacando “o debuxo dun tempo fráxil e un futuro incerto, así como a forza visual e emocional da mensaxe”.

A xornada completouse cun recital poético a cargo de membros do xurado, Noelia Gómez e Miguel Cavadas —gañador da pasada edición—, acompañados pola escritora Alba Mourillós. O acto contou tamén coa actuación musical de Minguante e coa proxección dun vídeo que amosou o proceso de desenvolvemento do premio, desde a súa convocatoria ata a ofrenda floral na tumba de Eusebio Lorenzo Baleirón.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.