A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou na mañá deste luns 15 de decembro a sede do Club de Piragüismo Rías Baixas de Boiro, unha das entidades beneficiarias das convocatorias de axudas da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes destinadas ao desenvolvemento de actividades deportivas e á adquisición de equipamentos ambas convocadas por concorrencia competitiva.
Segundo dixo, “o club recibiu 45.600 euros, 9.600 que permitiron apoiar a compra de embarcacións e case 3.000 euros para a realización de actividades”. Ademais, percibe outros case 30.000 euros para os seus equipos de alta competición feminino, masculino e para o seu equipo e de Comet Paracance dentro das axudas do Plan de Patrocinio dos Equipos de Alta Competición, lembrou.

Destacou que o Club Piragüismo Rías Baixas – Boiro, fundado en 1997, experimentou “un notábel crecemento ao longo da súa traxectoria, cun impulso clave en 2018 grazas á mellora das súas instalacións en Praia Xardín, que hoxe inclúen ximnasio, vestiarios e hangar de embarcacións”.
A entidade, recordou Belén do Campo, conta cunha ampla proxección internacional, con deportistas que representaron a España en campionatos de Europa e do Mundo en modalidades como Augas Tranquilas, Maratón e Barco Dragón, destacando os éxitos do equipo de Barco Dragón no Mundial 2024 en Filipinas, con ouro en DB10 2000 metros Open e prata en DB22 2000 metros Mixto, así como a participación de Adrián Mosquera nos Xogos Paralímpicos de Toquio 2020 e París 2024. Desde 2021, baixo a presidencia de Sergio Pérez Treus, o club continúa reforzando a súa aposta polo deporte base e pola formación, consolidándose como unha referencia do piragüismo galego, nacional e internacional.

Adquisición de equipamentos
Durante a visita, Belén do Campo destacou “o compromiso do Goberno galego co fomento do deporte base e coa mellora das condicións dos clubes da comarca”. Seguindo este fío, informou dos resultados da orde de subvencións destinada á adquisición de equipamentos deportivos á que accederon, na comarca do Barbanza, 16 entidades deportivas que recibiron máis de 82.000 euros para a adquisición de equipamentos, “reforzando así a súa capacidade para continuar medrando e mellorando a calidade das súas actividades”, dixo.

Na provincia da Coruña distribuíronse máis de 418.000 euros entre 89 clubs, ademais de máis de 82.000 euros destinados a 18 federacións e 15.000 euros destinados a dúas Sociedades Anónimas Deportivas, en total 515.000 euros e en toda Galicia 287 entidades deportivas, federacións, e Sociedades Anónimas deportivas, recibiron estas achegas cun investimento global que supera os 1,4 millóns de euros.

As axudas incluíron dúas liñas: unha destinada a equipamentos de mobilidade para embarcacións e vehículos (cun máximo de 10.000 euros) e outra para equipamentos non vinculados á mobilidade, tanto específicos da práctica deportiva como materiais complementarios –como material de ximnasio, desfibriladores, marcadores ou sistemas de cronometraxe– cun máximo de 5.000 euros.



