A Ría de Muros e Noia foi a principal aliada do Real de Portosín para rubricar unha brillante xornada no último encontro deportivo da tempada do club sonense. A pesar da xélida noite previa, con temperaturas que descenderon por baixo dos cero graos, o sábado amenceu cun ceo completamente despexado e unha lixeira brisa de bocana que animou as probas na ría.
Estas favorables condicións permitiron o desenvolvemento dunha intensa xornada na que unha vintena de embarcacións déronse cita para disputar a última regata do ano, decisiva para definir o ranking social de 2025. Ás doce do mediodía, todos os veleiros atopábanse xa na auga: por unha banda, os cruceiros, que afrontaron unha costeira de 15 millas; e por outro, a vela lixeira, que navegou un esixente circuíto técnico entre boias, próximo ás instalacións do club.
Na clase Cruceiros, que competía polo Trofeo Repsol, o gran vencedor foi o Bacor, patroneado por Francisco Javier Villamil, que se alzou tanto coa vitoria na clasificación absoluta como co premio ao Ranking Anual Repsol. A segunda posición foi para o Siradella, de Francisco Gude e César Álvarez, mentres que o terceiro posto correspondeu ao Dracco, de Pablo Oliver.
En vela lixeira, a Regata Gadis – Memorial Alejandra Fernández recoñeceu ao mellor regatista Sub-11 na clase Optimist, título que recaeu en Pablo Rubio. Tamén se premiou ás mellores regatistas femininas, Sarela González e Helena Gómez, e ao podio absoluto, encabezado por Alejandro Ferrín, seguido de Alonso Ons e da propia Sarela González, que completou o terceiro posto.
Durante o acto tamén se entregaron os premios de Pesca Deportiva, que foron para José Antonio Liñayo (Touxeiro) , Ramón Seijas (Vipau) e Ángel Ferreirós (Fucus). Liñayo levou ademais o trofeo á peza maior, un pinto de 2,060 quilos. No Campionato de Mus, as vencedoras foron María Dolores García e Ana García, mentres que no Desafío de Botes a Remo o triunfo foi para o equipo da Confraría de Pescadores San Andrés de Portosín.
A xornada incluíu emotivos homenaxes a Ramón Seijas, pola súa dedicación ao ensino da arte da pesca entre os máis novos, e a Marisol Sánchez, pola súa implicación na organización dos campionatos de Mus.
A entrega de premios tivo lugar ás cinco da tarde e contou coa presenza do presidente do club, Jorge Arán, acompañado polos directivos José García, Miguel Reboreda e Jesús Fernández, así como por Jorge Fernández, pai de Alejandra Fernández, a quen se dedica o memorial, e Marco Antonio Vázquez, vicepatrón maior da Confraría de Pescadores de Portosín.






