O pleno do Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento celebrado na mañá deste venres 21 de novembro na sede da Deputación da Coruña aprobou o orzamento para o ano 2026, que ascende a máis de quince millóns de euros e mantén, segundo confirmou a Deputación, “un incremento importante nos últimos anos, reforzando a estabilidade do servizo e a planificación das necesidades operativas dos 10 parques comarcais de bombeiros existentes na provincia”.

Ademais, e fóra da orde do día, o pleno abordou o escrito remitido polo Comité de Empresa sobre o proceso selectivo das 42 novas prazas de bombeiro convocadas en 2025. O Consorcio manifestou que “as bases deste proceso non foron elaboradas de maneira unilateral, senón elaboradas e consensuadas polos servizos técnicos dos catro Consorcios Provinciais de Galicia co obxectivo de homoxeneizar criterios e garantir unhas probas comúns e equilibradas en toda a comunidade”.
En relación coas probas físicas, o Consorcio destaca que son similares ás que se desenvolven na maioría dos servizos de bombeiros de España e que incorporan varias particularidades favorables para os aspirantes: tempos menos esixentes, un número inferior de probas —cinco fronte ás sete habituais noutros corpos— e un sistema de concurso-oposición no que a fase de méritos acada o máximo permitido, o 40 % da puntuación total. O Consorcio aclarou a este respecto que “a maioría dos servizos estatais, pola contra, o sistema empregado é o de oposición pura, sen valoración de experiencia”.
Así, a proba de natación “é exactamente a mesma que utilizou o Concello da Coruña nas súas oposicións do ano pasado, coa única diferenza de que, no caso do Consorcio, se conceden 15 segundos adicionais para completala”, sinalou o Consorcio, que considera que “o proceso selectivo cumpre criterios técnicos, obxectivos e comparábeis aos doutros servizos do Estado, polo que non resulta xustificado vincular o proceso ás ameazas sindicais de deixar de realizar horas extraordinarias”.
Finalmente, o Consorcio Provincial Contraincendios lembra que este ano entrou en vigor un novo convenio Colectivo que mellora de maneira substancial as condicións laborais: redución da xornada anual en 158 horas e un incremento salarial global superior ao 30 %.



