O Concello de Boiro vai levar a cabo na última quincena no mes de novembro unha campaña especial de vixilancia sobre a tenencia de mascotas e animais domésticos. O alcalde, José Ramón Romero, presentou este xoves 13 de novembro a iniciativa acompañado dos axentes da policía local.
Con esta campaña informativa e de vixilancia o que se busca é promover o uso obrigatorio de microchip, fomentar a recollida de excrementos en espazos públicos e asegurar que as mascotas paseen con correa. “Ademais de ser un requisito, estes hábitos favorecen a convivencia veciñal e un maior coidado das mascotas”, afirmou o rexedor, engadindo que na actualidade o Concello conta cun censo duns 2.500 cans polo que é preciso lograr un equilibrio para a convivencia por motivos cívicos e tamén sanitarios.
“Nos últimos anos fomos tomando medidas para facilitar aos propietarios como habilitar un parque canino ou colocar papeleiras para a recollida de excrementos, así como campañas informativas”, recoñeceu o alcalde.
O Concello de Boiro dá agora un paso máis con esta campaña de especial vixilancia do cumprimento da normativa en canto a tenencia de mascotas. Estas medidas están tipificadas na Ordenanza municipal de convivencia e medio ambiente e o seu incumprimento pode ocasionar sancións que van dende os 200 aos 750 euros.




