O Concello de Boiro vai conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller cos centros de ensino como motor do cambio en contra das violencias. O alcalde, José Ramón Romero, e o concelleiro de Política Social, Raúl Treus, xunto co persoal do CIM presentaron este mércores 19 as actividades que se están a levar a cabo.
Lembraron que dende o Centro de Información á Muller (CIM) de Boiro estase a desenvolver nos centros de ensino do municipio un programa de intervención en sexualidade e en saúde mental do alumnado que se financia a través do Pacto de Estado e que se desenvolve durante todo o curso nos centros de secundaria.

“O Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller no ano 2025 centrase na violencia dixital, unha forma de violencia en aumento e que estamos a traballar especialmente nos centros de ensino por ser os rapaces e rapazas motor de cambio”, afirmou o concelleiro, Raúl Treus.
Neste mes o alumnado de 1º da ESO dos IES do municipio participou en obradoiros de creación de cancións, Creación musical pola igualdade, que denuncian a problemática da violencia de xénero e axudan a dar visibilidade ás novas formas de violencia en contornas dixitais.
O programa para o vindeiro martes día 25 de novembro comezará ás 11.00 horas na planta baixa da Casa Consistorial de Boiro co acto institucional de lectura do manifesto e continuará cunha actividade de micro aberto e sensibilización no que o alumnado de 1º da ESO do IES A Cachada presentará as pezas creadas no obradoiro musical.
O propio día 25 instalarase unha exposición permanente na Casa Consistorial de Boiro que logo será trasladada aos centros sociais e de ensino e que visibiliza as violencias. O Concello de Boiro vai instalar na fachada da Casa Consistorial de Boiro unha pancarta e iluminará durante a semana o edificio e principais monólitos de cor violeta.
O grupo de voluntariado Turbina traballa tamén na visibilización da violencia contra a muller para o que fará un flashmob, unha acción artística e participativa para promover a igualdade e visibilizala nas rúas.
Pola súa parte o alcalde, José Ramón Romero, agradeceu a implicación do departamento de Política Social e nomeadamente ao CIM “pola programación para conmemorar esta data centrada na comunidade educativa pero que vai moito máis alá dun día e traballa durante todo o ano en sensibilizar sobre a violencia contra as mulleres”.





