O Concello de Boiro abre o prazo para a instalación de terrazas de hostalaría na vía pública para o ano 2026. A solicitude de instalación de terrazas debe facerse anualmente presentando a correspondente solicitude mediante a sede electrónica.
Segundo regula a Ordenanza Municipal de Terrazas na Vía Pública, a instalación durante todo o ano debe solicitarse entre o 1 de novembro e o 15 de decembro do ano inmediatamente anterior ao da solicitude. As solicitudes específicas para o período estival poden facerse no mesmo prazo ou entre o 1 de marzo e o 15 de abril, e as solicitudes para as datas de Semana Santa, 10 días antes do período solicitado segundo corresponda cada ano.
As autorizacións teñen unha vixencia anual, polo que a renovación de autorización se debe realizar cada ano e non se poderá instalar ningunha terraza que non estea debidamente solicitada. Do mesmo xeito, a instalación de terrazas na vía pública está suxeita a unhas normas, reguladas na Ordenanza municipal.
A documentación necesaria para tramitar a solicitude e toda a información sobre o procedemento está a disposición das persoas interesadas na web municipal e nos servizos de Recadación do Concello de Boiro.




