O BNG de Ribeira cualifica os Orzamentos de “minguados” e “sen participación social”

27 Novembro 2025

O portavoz municipal do BNG e exalcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, denunciou no pleno a aprobación dos Orzamentos de 2025 que as contas aprobáronse “sen o debido diálogo, sen participación veciñal e proxectan un retroceso na capacidade de investimento do Concello”. A formación nacionalista optou pola abstención, que cualificou como “un exercicio de responsabilidade coa veciñanza”.

Pérez Barral lembrou que “estes son os primeiros Orzamentos tras a moción de censura do pasado 13 de outubro, unha manobra para a que non existía ningunha motivación coñecida” e asegurou que, a día de hoxe, “seguimos sen coñecer o acordo asinado entre o Partido Popular e o Partido Barbanza Independente”.

Engadiu que “o novo goberno é legal, pero carece de lexitimidade social; a cidadanía ten dereito a saber que compromisos se pecharon e con que prezo político”, afirmou para logo recriminar que o goberno local de PP-PBBI “seguen sen detallar que actuacións pretenden levar adiante no municipio algo que se reflexa na pouca ambición do propio orzamento presentado”.

O BNG criticou tamén as formas, “ao recibir a documentación dun orzamento de 29 millóns de euros con apenas dous días de antelación, fronte aos 12 dos que desfrutaba o PP para analizar as contas cando Pérez Barral estaba na Alcaldía”.

“Pretenden aprobar un orzamento feito á prensa nun despacho, de costas á veciñanza e sen diálogo cos grupos municipais. Volven as vellas fórmulas do ordeno e mando”, denunciou Pérez Barral, engadindo que “non se contou nin co tecido social, nin cultural, nin deportivo nin económico, ao contrario do traballo realizado polo BNG cando gobernaba,“escoitando ás parroquias e construíndo os orzamentos desde abaixo”.

O BNG cualificou o documento económico de “pouco ambicioso” e alertou dunha redución do 5,88% respecto ao ano 2024, o que supón, sinalaron, “menor capacidade para atender necesidades e realizar investimentos que melloren a calidade de vida da poboación”.

Pérez Barral mostrou a súa preocupación por dous proxectos estratéxicos como son a residencia de maiores e o polígono industrial: “Sobre o novo polígono industrial o goberno destina 0 euros, malia estar practicamente resolto o atrancos administrativos para iniciar a súa construción. Con respecto da residencia pública non aparece a disposición orzamentaria para a compra de ningún terreo se é que Política Social desbota definitivamente o terreo das Saíñas. É unha temeridade renunciar a proxectos estratéxicos que levamos anos defendendo e preparando. Hoxe queda claro que só buscaban facer ruído político”, afirmou o portavoz.

O BNG tamén alertou da “falta de compromiso” da Xunta con Ribeira en comparación co resto das administracións: “Así pois, mentres o Concello recibe 8.150.000 euros do Goberno do Estado e 3.200.000 euros da Deputación da Coruña, a achega da Xunta é de tan só 3.000.000 euros, malia contar con recursos 58 veces superiores aos da Deputación”. Engadiu que “a Xunta non aporta financiamento suficiente para servizos da súa competencia, como o Servizo de Axuda no Fogar que debería financiar o 100% tal e como marca a lei e tan só achega 12 euros por hora cando o custo real chega aos 21€, e continúa incrementando taxas como a de SOGAMA, cunha subida do lixo próxima ao 9%, que xa supera 1,1 millóns de euros anuais para Ribeira”.

Para o BNG, estas cifras evidencian que o goberno galego “non só non apoia ao municipio, senón que o afoga economicamente”.

Pérez Barral dixo tamén que “o 99% dos investimentos previstos para 2025 proceden da planificación anterior do BNG, incluíndo proxectos e financiamento xa asegurado”. Entre eles, destacou “a maior consecución de fondos europeos conseguida nunca en Ribeira con 6,5 millóns de euros que permitirán a revitalización de Banda ao Río, coa nave da Cerqueira como eixo central”. Outros proxectos planificados e cos cartos para executar son: grada do campo de fútbol de Carreira, parque infantil de Aguiño, pavimentación da avda Rodríguez Bautista e Buenos Aires, saneamento en Cristal (Olveira), saneamento na Ponte (Artes) e nos Muíños (Oleiros), abastecemento de auga na rúa Agriña (Palmeira), etc.

Puxo en valor tamén os 5,5 millóns investidos en dous anos e medio nas parroquias en saneamento, abastecemento e pavimentación e criticou “a débeda e o sobrecusto herdados do PP”, lembrando “desviacións de máis de 6 millóns de euros en obras e a situación da gasolineira de Xarás, que pode custarlle 2 millóns á cidadanía”.

Dende o BNG laiáronse de que “o pleno estivera marcado por intervencións do goberno dirixidas ao ataque persoal e non ao debate político”. A formación denunciou que “membros do executivo recorreran a referencias á vida privada de Pérez Baral mesmo con comentarios inapropiados sobre cuestións de saúde, unha actitude impropia de representantes públicos e totalmente afastada do respecto”.

Pérez Barral concluíu facendo unha chamada á serenidade e á defensa dos intereses da veciñanza: “O BNG non está na Corporación Municipal para bloquear nada. Tendemos a man para sacar adiante proxectos que melloren Ribeira, pero sempre con transparencia e dicindo a verdade.”

“Seguiremos cumprindo coa nosa palabra, coa responsabilidade e seriedade que nos caracteriza, e coa convicción de que este municipio merece un goberno honesto, que escoite e que actúe con lealdade cara á xente” concluíu.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

LA SOCIEDAD DESLUMBRADA Es más que probable que estemos viviendo deslumbrados, ciegos de tanta luz y de tanta pantalla, concibiendo ilusiones y expectativas vanas, ofuscados, enceguecidos. Creo que la palabra que todo lo puede sintetizar, al menos lo que quiero...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.