Marta Villaverde participa en Rinaxo nas XIII Xornadas de Construción Naval en Madeira e reafirma o apoio da Xunta ao sector da carpintería de ribeira

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou este sábado nas XIII Xornadas de Construción Naval en Madeira, organizadas pola Asociación Galega Carpintería de Ribeira (Algacari), nun encontro que se enmarca na colaboración que a Xunta mantén con esta entidade desde 2008 para dinamizar e poñer en valor o patrimonio marítimo galego.
Desde aquela, o departamento que dirixe Villaverde renova cada ano o apoio económico a Algacari, cun investimento acumulado de 385.000 euros, que demostra a aposta da Administración autonómica por un sector que, ademais de preservar tradicións, está a converterse en nichos de emprego para futuras xeracións.
Villaverde destacou que este compromiso se consolida a través de iniciativas como o Plan de Cultura Marítima Horizonte 2030 (Pcuma), a Estratexia de Economía Azul 2024-2027 e os proxectos impulsados polos Grupos de Acción Local Pesqueira (Galp), con axudas cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca (Femp) e o Fempa, que suman 680.000 euros. Estas achegas permitiron accións como a conversión da Casa do Pendón nun centro de interpretación do estuario de Anllóns, a restauración do Dique da Cabana, a reconstrución dun barco sancosmeiro, a musealización da carpintería e a recuperación da música e dos oficios vinculados ao mar.
Declarada Ben de Interese Cultural do Patrimonio Inmaterial en 2017, Algacari agrupa ao 98 % das carpinterías de ribeira activas de Galicia, das que 20 son estaleiros, maioritariamente situados na ría de Arousa. O sector xera 100 empregos directos e 500 indirectos, cun volume de facturación que alcanza os 10 millóns de euros.



