O fotógrafo sonense, primeiro español en conseguir o premio na categoría absoluta, competiu con fotógrafos de 51 países e presentáronse máis de 3.000 fotos en distintas categorías. Enríquez alcanzou un total de 145 puntos, o que lle reporta o título de gañador do concurso, o trofeo Cámara de Ouro 2024 e 5.000 dólares
Ademais as súas fotografías foron premiadas nas categorías de Deporte, Cultura popular e Mellor Clasificado por país. En total 4 cámaras de ouro.

O concurso fotográfico One Eyeland (One Eyeland Awards) é unha competición internacional organizada pola plataforma One Eyeland que busca recoñecer a excelencia en fotografía e arte visual en diversas categorías, como publicidade, arquitectura, deportes, cultura e fotografía conceptual. O premio galardoa o talento de fotógrafos profesionais e “amateurs” de todo o mundo, outorgando premios en efectivo, certificados dixitais e o trofeo Cámara de Ouro.
As imaxes gañadoras preséntanse no sitio web de One Eyeland, brindando visibilidade aos artistas ante compradores de arte, axencias e outros profesionais.
Este portal, de orixe india, ofrece aos artistas visuais (non só fotógrafos) a posibilidade de dar a coñecer as súas imaxes ademais de vendelas directamente. Os seus organizadores presentan o concurso como “os premios de fotografía máis grandes do mundo”, e confirman recibir, na presente edición, máis de tres mil imaxes de fotógrafos de 51 países nesta edición para repartirse os galardóns e o trofeo “Cámara de Ouro”.

Diso encargouse un xurado composto por “12 profesionais creativos publicitarios galardoados” que repartiron un total de 636 certificados dixitais (63 ouros, 165 pratas e 408 bronces) para as distintas categorías cos que se decidiu a clasificación final. Na cabeza de todos eles o campión absoluto que leva o trofeo cámara de Ouro co título de “Fotógrafo profesional do ano ” e un premio de cinco mil dólares é o galego Adolfo Enríquez con 145 puntos , que ademais gaña outras 3 cámaras de Ouro nas categorías de Deportes, Cultura popular e Mellor clasificado por país. É destacable a contundencia con que gañou a categoría absoluta Adolfo Enríquez, xa que o seu inmediato seguidor foi o estadounidense, Howard Schatz, con 95 puntos.
O Entroido e o Pórtico da Gloria (pertencentes a traballos para Turismo de Galicia e Fundación Catedral) gañadores dos One Eyeland Awards
Adolfo Enríquez presentou unha selección das súas mellores instantáneas a varias categorías, alcanzando o máximo recoñecemento (cámara de ouro) en Deportes, Cultura Popular e Mellor Clasificado por país. Nos tres casos corresponden a traballos con temática de Galicia, unha constante na obra do fotógrafo de O Porto do Son, que reside en Santiago desde neno.




