O párroco Roberto Martínez reivindica a oficialidade da ruta de Santiago a Padrón no seu nomeamento como Peregrino de Honra

24 Outubro 2025

O párroco de Padrón, Roberto Martínez Díaz, reivindicou este venres 24 de outubro o recoñecemento do itinerario a Padrón como ruta oficial xacobea. Fíxoo no acto no que se sumou, en calidade de Peregrino de Honra, ás persoas distinguidas co premio Padrón, berce xacobeo, galardón que concede dende 2017 o Concello padronés para resaltar aquelas traxectorias que contribúen á promoción e á preservación do Camiño de Santiago e do seu patrimonio cultural na capital do Sar.

No acto, celebrado na igrexa parroquial de Santiago, o homenaxeado estivo arroupado pola Corporación municipal, compañeiros relixiosos e numerosa veciñanza, que coa súa presenza quixeron expresarlle o seu agradecemento “por un labor incansábel que se manifesta tanto no coidado con que acolle as persoas peregrinas que cada día chegan á nosa vila dende todos os recunchos do mundo como no seu afán de conservar e mellorar o patrimonio histórico-relixioso padronés”, afirmou o alcalde, Anxo Arca.

“Espero que hoxe poidas sentir máis cerca que nunca a toda a xente de Padrón que te admira, que te respecta e que te quere. Que poidas ter un pouco máis claro que es xa tan padronés como o que máis”, subliñou o rexedor.

Anxo Arca resaltou o papel desenvolvido polo párroco para impulsar a restauración do retablo maior ou o acondicionamento das cubertas da Igrexa de Santiago, xunto a outras melloras no santuario da Escravitude ou nas igrexas de Cruces, de Santa María de Herbón e de Santa María de Iria. “E tamén quero facer alusión ao seu empeño por manter abertos os templos do Camiño, cousa que sei que supón un gran esforzo”, engadiu.

Roberto Martínez Díaz, licenciado en Teoloxía e profesor do Instituto Teolóxico Compostelán, que foi arcipreste de Iria-Santiago e que exerce como párroco de Padrón dende hai dúas décadas, asegurou recibir o recoñecemento con gran alegría, con moita emoción e con humildade, e aproveitou o seu discurso para “pedirlles aos organismos competentes o recoñecemento oficial do Camiño de Santiago a Padrón”.

“A historia, a arqueoloxía e a tradición documentada demostran que moitos peregrinos, despois de chegar a Santiago, continuaban ata aquí para coñecer estes lugares intimamente vencellados á orixe da tradición xacobea. A declaración de oficialidade deste tramo non sería só un acto de xustiza histórica, senón tamén un impulso cultural, espiritual e turístico para toda a comarca, recoñecida como berce da tradición xacobea, por terse este lugar como punto de chegada do corpo do Apóstolo Santiago”, subliñou.

O párroco, que cualificou a Padrón “como unha porta aberta do Camiño, un lugar de encontro e de acollida”, incidiu no momento álxido que está a vivir a vila como punto de peregrinaxe, con máis de 79.600 persoas recibidas no que vai de ano. “Porén, máis alá dos números, o importante son os rostros e as historias de quen chega ata aquí buscando silencio, descanso ou sentido. O Camiño de Santiago non é unicamente unha ruta xeográfica: é, sobre todo, unha experiencia interior. Quen se pon en camiño busca algo máis ca un destino; busca sentido, reconciliación, horizonte”, argumentou don Roberto.

Sinatura no Libro de Honra

Con anterioridade ao acto relixioso, o homenaxeado foi recibido pola Corporación municipal na Casa do Concello e deixou a súa sinatura no Libro de Honra. A banda municipal acompañou á comitiva ata a igrexa parroquial de Santiago, onde asistiu a unha misa solemne oficiada polo canónigo Daniel Lorenzo, director da Fundación Catedral. Unha nova actuación da banda pechou o nomeamento de Roberto Martínez como Peregrino de Honra.

Outros artigos

Mércores 7, xornada de tempo variable

Este mércores 7, San Raimundo, quedaremos baixo unha situación intermedia entre altas e baixas presións. O día presentarase con ceos parcialmente nubrado e precipitacións intermitentes durante a mañá, especialmente na metade norte e interior da Comunidade. Co avance...

+

Muros vibrou este luns 5 coa espectacular visita dos Reis Magos

A AC Fouleada e o Concello de Muros organizaron un amplo programa de actividades festivas e de lecer para recibir e acompañar, este luns 5 de xaneiro en boa parte do concello muradá, ás Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente. Pola mañá, a comitiva do Carteiro Real...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“OTAN o NATO”. Manuel Dominguez III

“OTAN o NATO”. Manuel Dominguez III

¿Para qué sirve? La OTAN, Organización del Tratado Atlántico norte, se creó para que la unión de occidente europeo y norte de América, pudieran defenderse mutuamente si uno de los países fuese atacado, por otra potencia, léase Rusia. El problema surge cuando tenemos...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.