Despois do Pleno da moción de censura do 13 de outubro que provocou un relevo na Alcaldía do Concello de Ribeira, o novo Executivo comezou a traballar nas distintas áreas municipais e, en consecuencia, resolveron xa as delegacións e tenencias de Alcaldía que se levarán a sesión plenaria na vindeira semana. O organigrama dos 13 edís que integran o Executivo local quedará da seguinte maneira:
A alcaldesa María Sampedro asumirá Urbanismo, Contratación, Seguridade Cidadá e Mobilidade, Unidade de Condutas Aditivas (UCA) e Persoal. Se ben a UCA pasará a ser asumida en próximas datas por parte do Servizo Galego de Saúde (SERGAS).
Ana Isabel Barreiro Rego encargarase de Cultura, Turismo e Igualdade.
Alejandro Vidal Álvarez levará Deportes, Innovación e Novas Tecnoloxías.
A Emilio Pérez Outeiras corresponderalle Limpeza Viaria.
Vicente Reiriz Bretal xestionará Auga e Saneamento.
Víctor Reiriz Lampón estará á fronte de Medio Ambiente e Iluminación Pública.
Ramón J. Doval Sampedro estará a cargo de Relacións Institucionais.
Carmen Pérez Gómez ostentará Promoción Económica, Emprego e Consumo e Xuventude.
Eladio Muñiz Muñiz terá como áreas Xestión e Relacións Veciñais no Medio Rural e Benestar Animal.
Juana María Brión Santamaría responsabilizarase de Educación, Formación e Promoción da Lingua.
Vicente Mariño de Bricio administrará Servizos Sociais, Mercados, Sanidade, Desenvolvemento Industrial e Parques e Xardíns.
María Herminia Pouso Maneiro dirixirá Economía e Facenda, Vías e Obras.
E, finalmente, Fernando Abraldes Pérez encabezará Mar, Promoción do Litoral e Festexos.

Trátase, indicaron, dunha serie de concellerías coas que se busca prestar “especial atención a todas e cada un dos aspectos que inflúen no día a día da cidadanía coa finalidade de mellorar a súa calidade de vida”.
A nova alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, incidiu en que o Goberno está formado por “trece persoas que adquiriron un compromiso lonxe de ningún acordo escrito. O único acordo que adquirimos foi de total compromiso con Ribeira e a súa veciñanza. Neste equipo único formado por trece concelleiros, estaremos a disposición de tódolos ribeirenses calquera que sexa o ámbito de actuación”, sinalou.
Pola súa parte, o concelleiro Vicente Mariño, dixo que existe unha “boa dinámica de traballo” dentro do novo Executivo, polo que comentou que “a cidadanía vai notar ese cambio para mellor no día a día”,
Denuncian “coaccións” e “acoso” a varios dos concelleiros tras a moción de censura
Tamén anunciaron a toma de medidas ante o que cualificaron de “coaccións recibidas este días cara aos membros do novo Executivo”. Vicente Mariño manifestou que “dende que se anunciou a moción de censura, sucedéronse os ataques non só nas redes sociais, senón tamén increpándoos na vía pública con insultos”. Criticou tamén que “apareceron carteis pegados por distintos puntos do municipio, pancartas e, incluso, pintadas que aluden directamente ás súas persoas e todo iso”, dixo, “non só se cingue ás rúas e Internet, xa que transcendeu ao ámbito persoal como se constata en ofensivas nos seus domicilios”. Engadiu que todo isto levou a Vicente Mariño, Herminia Pouso e Fernando Abraldes a presentar denuncia ante a Policía Nacional na noite do 16 de outubro para poñer os feitos en coñecemento do corpo policial. Mariño cualificou de “moi hostil” o ambiente que perciben en Ribeira nos últimos días e que se está desenvolver unha “campaña de acoso” con actitudes “difamatorias, con inxurias e ofensivas”.
Concluíu a rexedora deste xeito: “Ribeira xa pasou esa época de división, de confrontación e de enfrontamento. Temos que abrir un tempo novo: de paz social, de sumar e non de dividir e de aunar forzas. De todos a unha. E aquí falo dos 21 concelleiros que forman a Corporación municipal”.



