Luz verde ambiental para un centro de valorización de redes de pesca en Boiro

01 Outubro 2025


A Xunta de Galicia vén de autorizar, a través dun informe de impacto ambiental favorable, o proxecto para a posta en marcha dun centro xestor de residuos destinado á valorización de redes de pesca usadas promovido pola empresa JJ Chicolino SL en Boiro.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, na que se conclúe que a iniciativa non terá efectos adversos significativos sempre que se cumpran os condicionantes fixados nos informes sectoriais e no programa de vixilancia ambiental.

Avaliación e condicionantes

O proxecto foi sometido ao procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada, que incluíu un período de exposición pública sen recibir alegacións, así como consultas a oito organismos interesados. Froito dese proceso, establecéronse medidas vinculadas á protección da atmosfera e contaminación acústica, á saúde e á poboación, á calidade das augas, á xestión de residuos, á integración paisaxística e á protección da fauna e vexetación.

A resolución lembra que este trámite ambiental non exime á empresa da obtención das autorizacións e permisos necesarios para desenvolver a actividade. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade será a encargada de supervisar o cumprimento dos condicionantes unha vez se complete a tramitación administrativa.

Un proxecto ligado á economía circular

O centro de valorización proxectado funcionará como instalación de almacenamento e clasificación de residuos non perigosos, fundamentalmente redes de pesca fabricadas con plásticos, co obxectivo de facilitar o seu reemprego. A actividade desenvolverase ao aire libre e terá unha capacidade estimada de xestión de 2.000 toneladas anuais, con posibilidade de alcanzar un máximo de 4.000.

JJ Chicolino SL, dedicada á compra e reutilización de redes mariñas para a súa reparación ou para a fabricación de novos produtos, dispón actualmente de edificacións en tres parcelas cunha superficie total de 28.204 metros cadrados no lugar de Vilariño, parroquia de Cespón, no municipio de Boiro. A actividade principal manterase nas instalacións existentes, mentres que o novo centro asumirá as funcións específicas de valorización.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.