En Ribeira Medio Ambiente e Sachos na Rúa presentan un proxecto pioneiro de bosque comestible no Parque de San Roque

06 Outubro 2025

A Consellería de Medio Ambiente, encabezada por Antía Alberte, presentou hoxe xunto coa asociación agroecolóxica Sachos na Rúa unha nova iniciativa forestal no Parque Periurbano de San Roque, centrada na creación dun bosque comestible.

Durante a presentación, Alberte puxo en valor o traballo constante da asociación, “creando conciencia e divulgación ambiental de cara a un futuro máis sostible”. A conselleira destacou que o Concello acolleu con entusiasmo esta proposta, “destinada á rexeneración ambiental da zona e acompañada de obradoiros temáticos abertos á cidadanía”. O espazo acollerá plantacións de diversas especies —arbustos, árbores froiteiras, castaños, nogais e maceiras— que combinarán valor ecolóxico e utilidade alimentaria.

O tesoureiro de Sachos na Rúa, Manuel González, explicou que este proxecto forma parte dunha iniciativa máis ampla, “Reverdecer Ribeira”, estruturada en tres eixes: un programa pedagóxico con colexios públicos, a formación urbana a través de hortos comunitarios e, finalmente, a creación deste bosque comestible. González lembrou que este tipo de proxectos “xa se desenvolven con éxito noutros puntos de Galicia e da Península”, e agradeceu ao Concello a cesión da parcela, expresando o desexo de que no futuro se poida contar cunha aula permanente de agroecoloxía.

O deseñador e técnico forestal Alejandro Muñíz, responsable do proxecto, definiuno como unha iniciativa piloto e experimental que permitirá observar “a evolución dun sistema agroforestal onde se combinan distintas especies, funcionando como unha auténtica aula da natureza”. Segundo explicou, trátase dunha alternativa rexenerativa á reforestación convencional, que ofrece un modelo máis diverso e sustentable, con posibilidades produtivas “para alimentos, madeira, cestería ou plantas medicinais”.

Este bosque comestible de San Roque busca recuperar terreos degradados, fomentar o vínculo da cidadanía coa terra e consolidar a Ribeira como referente en educación ambiental e prácticas agroecolóxicas innovadoras.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.