Arroupa Moda Re-, a empresa de inserción impulsada por Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela, inaugurou este luns 20 de outubro a súa nova tenda na rúa Castelao, en pleno corazón comercial de Vilagarcía de Arousa, coincidindo coa celebración do décimo aniversario de Arroupa Moda Re-, un proxecto para transformar o modo de xestionar o residuo téxtil en Galicia convertendo a moda sostíbel nunha oportunidade de emprego, de dignidade e de coidado do medio ambiente.
O acto oficial de inauguración contou coa participación do arcebispo de Santiago de Compostela, do presidente de Cáritas Española, da directora de Cáritas Diocesana de Santiago, da directora xeral de Moda Re- en España, así como de representantes da Xunta de Galicia, a Deputación e o Concello de Vilagarcía. Coa súa presenza, as institucións quixeron apoiar un modelo que une inclusión social, sustentabilidade e compromiso comunitario.

A nova tenda de Vilagarcía ofrece moda sustentábel e solidaria con roupa, calzado e complementos para todas as idades, aos que se suman tamén oportunidades de colaboración co tecido local. Ademais da súa función comercial, o establecemento será un recurso social ao servizo de Cáritas, xa que permitirá que as persoas acompañadas pola entidade accedan a roupa a través de vales gratuítos de compra en formato QR, buscando así garantir “un acceso digno e normalizado, sen estigmas nin distincións fronte ao resto da clientela”.
O modelo de funcionamento de Arroupa Moda Re- distínguese polo seu carácter solidario, transparente e respectuoso co medio ambiente. A roupa que chega ás súas tendas procede exclusivamente de doazóns cidadás recolleitas en contedores autorizados e é clasificada na planta propia da entidade, garantindo en todo momento a rastrexabilidade do proceso.
Segundo lembraron dende Cáritas, en Arroupa o 100% dos ingresos obtidos reinvístese en emprego inclusivo e en programas sociais da ONG reforzando así o seu compromiso coas persoas en situación de vulnerabilidade. “Este enfoque permite, ademais, xerar sinerxías positivas coa actividade comercial local”, sinalaron, engadindo que “en Vilagarcía, por exemplo, a tenda colabora cunha modista da zona, á que se deriva a quen necesita arranxos nas pezas adquiridas”.
Durante o acto de inauguración, o arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto, sinalou que “a apertura desta tenda en Vilagarcía é un signo de esperanza, porque mostra que é posíbel coidar das persoas e, ao mesmo tempo, ofrecer dignidade e futuro a quen máis o necesitan”.

O presidente de Cáritas Española, Manuel Bretón, destacou que “Arroupa é un exemplo de innovación social que inspira a toda a rede de Cáritas. Aquí, a economía circular convértese en economía de esperanza, porque transforma residuos en oportunidades reais de vida para as persoas”.
Pola súa banda, a directora de Cáritas Diocesana de Santiago, Pilar Farjas, subliñou que “cada peza que chega a Arroupa convértese nunha oportunidade de dignidade. Demostramos en dez anos que as doazóns poden transformarse en emprego, en consumo responsábel e nunha sociedade máis xusta”.
A directora xeral de Moda Re- en España, Noema Paniagua, concluíu afirmando que “Arroupa foi pioneira en Galicia en innovación, rastrexabilidade e dignificación do acceso á moda sostíbel. A apertura de Vilagarcía reforza o traballo de toda a rede nacional e demostra que a economía social ten futuro”.

A apertura desta tenda en Vilagarcía coincide cunha “data especial” xa que Arroupa Moda Re- celebra os seus dez anos de andaina. Neste tempo, a entidade pasou de contar con 7 persoas en persoal nos seus inicios para empregar na actualidade a 36 traballadores, dos cales 29 teñen contrato de inserción. En total, 128 persoas en situación de vulnerabilidade tiveron unha oportunidade laboral en Arroupa, recibindo acompañamento e formación para dar o salto ao mercado ordinario de traballo.
O impacto medioambiental foi “igualmente decisivo”, destaca Cáritas, engadindo que nunha década, tratáronse máis de dez millóns de quilos de roupa usada, fomentando a reutilización e a reciclaxe e evitando que toneladas de residuo téxtil acaben en entulleiras incontroladas”. Grazas a este labor, logrouse evitar a emisión de 46.000 toneladas de CO₂ e aforrar 6.400 millóns de litros de auga, reducindo de maneira significativa a pegada ambiental do sector téxtil en Galicia.
No plano institucional, Arroupa consolidou o seu papel como socio estratéxico dos concellos, con dúas licitacións de catro anos consecutivos en Santiago de Compostela. En 2023 incorporáronse os oito concellos do Consorcio As Mariñas na provincia da Coruña, que supuxeron 75 novos puntos de recollida, ademais das licitacións de Curtis e Vilaboa.
Hoxe a rede conta con 360 contedores, 252 instalados vía licitacións e convenios con 46 administracións públicas locais, destacando os 32 contedores que actualmente se xestionan a través da colaboración co Concello de Vilagarcía de Arousa. Actualmente, Arroupa Moda Re- presenza nun total en 60 municipios, tendo en conta tamén as numeras colaboracións de ámbito privado.





