A Xunta de Galicia deu luz verde ambiental condicionado ao proxecto para implantar un campamento de turismo na parroquia de Baroña, no concello coruñés de Porto do Son, concretamente, nunha parcela cunha superficie total de preto de 12.000 m2.
Segundo se conclúe no informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático “non son previsíbeis efectos adversos significativos sobre a contorna derivados deste proxecto, sempre e cando se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental e na restante documentación analizada, como na propia resolución da Xunta”.

As avaliacións consideran que o proxecto “non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados” e que “sería viábel a súa posta en marcha cumprindo certos requisitos establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, poboación e saúde, das augas e leitos fluviais, do solo e as infraestruturas, da xestión de residuos, da integración paisaxística e restauración, así como do patrimonio natural e cultural”.
O obxecto do proxecto é a implantación dun campamento de turismo nunha parcela dunha superficie total de case 12.000 metros cadrados. Este novo establecemento turístico contará cun total de 37 parcelas, das que 17 estarán destinadas a acampada en tenda de campaña con acceso peonil e as 20 restantes poderán empregarse para autocaravanas, caravanas e tendas de campaña dispoñendo de acceso rodado. O máximo de ocupación será de preto de 150 persoas.
Tamén haberá dúas edificacións permanentes dunha planta e estrutura sinxela. Unha delas estará dedicada ao acceso, recepción e tenda de artigos de primeira necesidade e a outra, aos servizos sanitarios e de lavandaría.



