A agrupación local de UCIN Boiro reclamou publicamente ao Goberno municipal “a posta en marcha dunha liña de axudas destinada á adquisición de libros de texto e material escolar”, co obxectivo de “aliviar a carga económica que supón para moito familias o inicio do curso escolar” Desde UCIN Boiro lembran nun comunicado que “setembro é un dos meses máis complicados para os fogares, xa que as familias deben afrontar o elevado gasto que implican os libros e o material necesario para garantir a educación dos seus fillos e fillas”. E engádese: “A educación debe ser unha prioridade. Ningún neno ou nena do noso municipio debería ver limitada a súa formación por falta de recursos económicos”.

A agrupación propón que o Concello habilite unha partida orzamentaria específica para este fin, aplicando criterios progresivos en función da renda familiar, de forma que as axudas cheguen especialmente aos fogares con maiores dificultades.
Así mesmo, UCIN Boiro subliña que “esta medida é realista e perfectamente asumíbel dentro dos orzamentos municipais, lembrando que outros concellos de Galicia xa contan con programas similares, con resultados positivos para as familias beneficiarias”.
Con esta proposta, UCIN Boiro reafirma o seu compromiso “coa defensa da educación pública e co apoio directo ás familias boirenses, insistindo en que investir en educación é investir no futuro de Boiro”.



