A conselleira do Mar, Marta Villaverde, mantivo un encontro de traballo co alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, no que puxo en valor os investimentos realizados nesta vila por parte de Portos na presente anualidade destacando “a renovación das luminarias con tecnoloxía LED e a renovación dos firmes portuarios por un total de 371.000 euros”.
O rexedor e a conselleira analizaron tamén os avances no proceso de reversión dos terreos portuarios para uso municipal, e palabras de Villaverde “un proceso administrativamente complexo, que implica a diferentes departamentos e que esixe a súa aprobación final polo Consello de Ministros”. A responsábel autonómica, que tamén abordou co alcalde outros proxectos de interese para o municipio, manifestou o seu interese en visitar o concello coruñés para coñecer de primeira man estas iniciativas.
Na actualidade, a tramitación da concesión ao Club Náutico de Rianxo para a construción de 134 novas prazas de atraque, nunha primeira fase, e 40 adicionais nunha segunda fase, está pendente do informe de Estratexias Mariñas por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (MITECO). Unha circunstancia que tamén se repite co proxecto de ordenación do porto que permitirá ampliar as prazas de amarre para a frota profesional ata as 300 prazas cun investimento contemplado no anteproxecto de 2 millóns de euros.




