O programa estatal INECO-RuralTIC leva a alfabetización dixital aos concellos de menos de 10.000 habitantes, incluídos O Son e Carnota

23 Setembro 2025
Actividade formativa en Carnota

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, animou aos concellos galegos de menos de 10.000 habitantes a inscribirse no programa de alfabetización dixital INECO-RuralTIC, que impulsa por cuarto ano consecutivo a enxeñería e consultora pública INECO. Este programa, sinalou o delegado, “representa unha oportunidade para avanzar no coñecemento dixital da cidadanía e empresas emprazadas nestes territorios, pois permite que persoal do INECO contribúa coa súa experiencia en tarefas de formación e de asesoramento en materia tecnolóxica”.

En Galicia son máis de 20 os concellos de menos de 10.000 habitantes que se beneficiaron deste programa nas tres convocatorias anteriores, entre os que están Trabada, A Pobra de Trives, Maceda, Manzaneda, A Pontenova, Cerdido, Silleda, Carnota, Guitiriz ou Porto do Son.

Todos eles acolleron durante un espazo de tempo determinado a traballadores do INECO que, como nómades dixitais, combinan o teletraballo coa acción divulgadora e formativa (o Concello asume o custe de estadía do traballador ou traballadora e proporciona o espazo para desenvolver as actividades).

As inscricións xa están abertas a través da web de INECO RuralTIC, onde tamén é posíbel coñecer as experiencias de edicións anteriores. O prazo para formular a solicitude remata o vindeiro luns, 29 de setembro.

Como dixemos, o obxectivo deste programa é “contribuír á dixitalización social e económica da sociedade que vive en contornas rurais, rompendo así as posíbeis barreiras que afastan estes núcleos das novas tecnoloxías”. Desta maneira, búscase “garantir que a poboación poida manter a comunicación con familiares en zonas illadas ou realizar xestións administrativas a través dun dispositivo móbil”.

Esta iniciativa baséase en dous eixes fundamentais, por unha banda a dixitalización social e por outra a dixitalización económica.

No que respecta á dixitalización social, os e as axentes imparten formación e apoio no uso das novas tecnoloxías aos veciños e veciñas, con especial atención á poboación maior. O persoal do INECO desenvolve diferentes obradoiros presenciais, como é o manexo do servizo online para a realización de trámites administrativos: xestións de citas médicas ou banca electrónica.

Ademais tamén imparten formación para coñecer aspectos sobre a seguridade en Internet ou a pegada dixital e ofrecen atención personalizada en función das necesidades específicas dos participantes.

O segundo eixo, a dixitalización económica, fornece de apoio e asesoramento ao tecido empresarial rural, ao través do posicionamento dixital, con apoio á creación de servizos online que poden mellorar a actividade das pemes, como pode ser a apertura dunha páxina web ou o uso de perfís en redes sociais para o posicionamento no mundo dixital.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...