Esta mañá presentouse no rexistro municipal do Concello de Ribeira a moción de censura que, salvo sorpresas, devolverá a alcaldía ao Partido Popular baixo o liderado de Mariola Sampedro.
O documento conta con 14 firmas: os 10 concelleiros do PP e catro dos cinco edís do PBBI —a formación liderada por Vicente Mariño de Bricio, exmilitante popular—. Xunto a Mariño rubrican a moción Herminia Pouso, Tania Redondo e Fernando Abraldes.
O único membro do PBBI que non apoia a iniciativa é o actual concelleiro de Sanidade, Juan Luis Furones, que se desmarca así da decisión dos seus compañeiros de grupo.
Con esta suma de apoios, o PP estaría en disposición de recuperar o goberno municipal do Concello barbancés, pendente agora de que se convoque e celebre o pleno para a votación da moción de censura, que en principio sería o luns 13 de outubro.
Está previsto que esta tarde tanto a candidata do Pp Mariola Sampedro como o líder do PBBI, Vicente Mariño, den unha rolda de prensa.
Pola súa banda o actual alcalde, Luís Pérez, calificou de” bochornosa a moción e que responde ós intereses partidistas e particulares das dúas formacións e que para el” como actual alcalde” é unha estratexia para derrubalo”. Trátase, segundo Luís Pérez, de acabar cun goberno que funciona e que non tiña ningún tipo de problema. De repente, os dous partidos, anuncian unha operación que vai facer que Ribeira regrese ás anteriores políticas de non contar coa veciñanza e as políticas obscurantistas e di que terán que respostar á pregunta de porque se fai esta operación política.

Declaración de Luís Pérez Barral sobre a moción de censura:




