O Concello de Boiro promove unha nova edición das Escolas Deportivas Municipais para o curso 2025/2025 nas distintas modalidades deportivas que desenvolven os clubs do municipio. O concelleiro de Deportes, Marcos Fajardo; e o técnico de Deportes, Manuel González; presentaron o programa este venres 26 de setembro.

Explicaron que as Escolas Deportivas Municipais engloban actividades para nenos e nenas e outras propostas para persoas adultas, que se desenvolven coa colaboración dos clubs deportivos do municipio.
“As escolas deportivas municipais chegan este ano á súa 33 edición gracias a colaboración entre o Concello de Boiro cos clubs deportivos do municipio que permiten esta variedade de propostas”, recoñeceu Manuel González.
A oferta de actividades para persoas adultas engloba ximnasia para xubilados; Boiro Actívate, un programa específico para persoas con patoloxías; e tenis. En canto ao programa deportivo infantil e xuvenil hai mellora da motricidade, tenis, ciclismo, atletismo, voleibol, xadrez, remo, piragüismo, baloncesto, triatlón, natación, golf, vela e patinaxe artístico.
As inscricións para participar están xa abertas e a matricula para as distintas actividades ofertadas pode formalizase no Departamento de Deportes, situado no Edificio As Colonias de Praia Xardín. Máis información sobre as Escolas Deportivas Municipais na web boiro.gal, nos teléfonos 679 712 621 e 660 182 443 ou no enderezo electrónico deportes@boiro.org.
“O Concello de Boiro fai unha gran aposta pola promoción do deporte no municipio, non so promovendo estas escolas deportivas municipais senón tamén coas axudas directas a clubs e deportistas e melloras nas instalacións deportivas”, afirmou o concelleiro de Deportes, Marcos Fajardo.


