A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de iniciar hoxe o procedemento de licitación pública das obras de ampliación da rampla do porto de Esteiro, no municipio coruñés de Muros. O proxecto conta cun orzamento base de 140.000 euros (IVE incluído).

Segundo explicou a conselleira do Mar, Marta Villaverde, o inicio da licitación foi trasladado ao Consello da Xunta. Os documentos e pregos do concurso están dispoñibles na plataforma de contratos de Galicia, no perfil do contratante e na web oficial de Portos de Galicia (www.portosdegalicia.gal). Os licitadores dispoñen de 26 días naturais para presentar as súas ofertas.
A actuación consiste na construción dunha rampla de descarga para embarcacións menores, situada sobre o peirao existente, unha infraestrutura demandada reiteradamente pola confraría de pescadores. Para a súa execución será necesario demoler parte superior do peirao, creando unha pendente do 10,90 % desde a cota +4.90 ata a +1.50. A rampla contará cunha meseta horizontal de cinco metros, acadando un total de 36 metros de lonxitude.
O prazo de execución será de seis meses a partir do inicio das obras. Con esta intervención, Portos de Galicia busca mellorar as condicións de traballo dos profesionais que operan no porto de Esteiro e dar resposta a unha das principais reclamacións da Confraría de Pescadores de Muros.



