A creatividade, o debate e a reflexión volverán marcar a programación do Outono Cultural da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que se prolongará ata finais de decembro con propostas abertas non só ao estudantado, senón tamén ao conxunto da cidadanía. Música, teatro, danza, exposicións, faladoiros, formación e proxectos audiovisuais conforman un cartel que combina divulgación, arte e pensamento crítico.
Música en Compostela e Lugo
O apartado musical arrincará o 1 de outubro cun encontro con Hugo Guezeta, conducido por Rodri Míguez, e continuará o 2 de outubro coa proposta de Alana, que mesturará conversa e música en directo, ambas actividades dentro da iniciativa “Mover os marcos”. En Compostela completarán a axenda Boyanka Kostova (22 de outubro), 9Louro (20 de novembro) e o tradicional Concerto de Nadal da Orquestra e Coro da USC (14 de decembro).
No campus de Lugo repetirase a actuación de Hugo Guezeta (20 de novembro), ademais dos concertos de Mühlfeld Trio (24 de novembro) e Jouska String Quartet (1 de decembro), dentro do ciclo Lubicán. Músicas a carón da Mosqueira.
Exposicións e mostras
Ata o 30 de setembro pode visitarse en Fonseca a mostra “Mentindo con mestría. Montaxes fotográficas de Augusto Pacheco (1948-1973)”, mentres que ata o 31 de outubro permanece aberta na Igrexa da Universidade “Abuso”, con obras de Amabel Míguez de la Sierra. O Outono Cultural incluirá tamén exposicións dedicadas a Fernando Calvet, ás primeiras profesoras da Universidade Complutense de Madrid, ás conexións entre Lorca e Galicia, así como as obras do XXXI Maratón Fotográfico da USC ou do certame Xuventude Crea. Ademais, renderase homenaxe a Alfredo Brañas no 125 aniversario do seu pasamento.
Fotografía, audiovisual e palabra
O campus de Lugo acollerá encontros con fotógrafas como Bandia Ribeira Cendán e Lúa Ribeira, así como unha nova edición das Sesións de Filmoteca do Club Valle-Inclán. No eido da palabra destacan os faladoiros “Encontros de Lúa Chea”, promovidos polo colectivo Proxéctate en Galego, e o Microaberto da Facultade de ADE. O 10 de decembro chegará a Compostela a estrea da nova produción da Aula de Teatro da USC.
Formación, certames e faíscas culturais
A programación inclúe tamén cursos de teatro, danza, pandeireta, fotografía, voz e movemento, ou autoedición. Ademais, convocaranse novos certames como o de Grupos Musicais, Paisaxe Sonora, Videocreación e Maratón Fotográfico, así como axudas a proxectos culturais e deportivos do estudantado e agrupacións universitarias.
Finalmente, prenderán de novo as Faíscas Culturais, pequenas intervencións pedagóxicas que dende 2022 conectan a acción cultural da USC cos contidos académicos, fomentando a reflexión crítica a través da cultura.




