
A Xunta, a través da Secretaría Xeral da Lingua, ofrece cursos de lingua e cultura galegas as persoas non nadas en Galicia “co obxecto de que, ao remate do ano, sexan máis dun cento os impartidos e uns 1.500 os participantes nestas clases”. Así o deu a coñecer o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, na inauguración da xornada preparatoria para os técnicos que impartirán esta formación en 28 concellos adheridos á Rede de Dinamización da Lingua.
“Estamos a cumprir coa palabra dada”, aseverou o representante do Goberno galego en relación a esta medida, da que lembrou que é unha das 50 actuacións inmediatas comprometidas para desenvolverse ao longo deste ano “co obxecto de impulsar un maior emprego da nosa lingua en distintos ámbitos da poboación e en todos os contextos da sociedade”.
Acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, o conselleiro avanzou que “xa nesta mesma semana” comezarán as clases nalgúns destes 28 municipios “co obxecto de que, de aquí ata o final de ano, estean todos estes cursos impartidos”. Levaranse a cabo nos municipios coruñeses de Abegondo, Ames, Arzúa, Boiro, A Coruña, Ferrol, Melide, Ordes, Cerceda, Frades, Mesía, Oroso, Tordoia, Trazo, A Pobra do Caramiñal, Ponteceso, Ribeira e Teo; nos pontevedreses de Baiona, Estrada, Ponteareas e Redondela; e nos ourensáns de Barbadás, O Barco de Valdeorras e O Carballiño.
Estes cursos súmanse aos 46 que se están a impartir, en colaboración con Cáritas, desde o pasado mes de xuño. A esta formación, hai que engadir os 25 que se ofertarán a través de Cruz Vermella e outras clases de galego que se darán desde o Centro de formación do ámbito sanitario. Deste xeito, e segundo precisou o conselleiro, rematarase 2025 cun cento de cursos dirixidos a persoas non nadas en Galicia. Todos eles serán de carácter presencial “co fin de achegar a nosa lingua e cultura galegas a unhas 1.500 persoas non nadas na nosa Comunidade”.
O conselleiro puxo en valor a importancia destes cursos para “dar maior pulo ao emprego do noso idioma ante o incremento en 115.000 persoas provenientes de fóra da Comunidade nos últimos cinco anos”. Deste xeito, incidiu en que o desafío, neste intre, pasa por “prestixiar e atraer a xente cara ao noso idioma, especialmente as provenientes do exterior.


