
O Concello de Boiro e a Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencia Tipo Alzhéimer (AGADEA) asinan un convenio para a creación dun espazo destinado ás persoas maiores nas antigas vivendas dos mestres de praia Xardín. O alcalde, José Ramón Romero, e a presidenta de AGADEA, Isabel Gey, presentaron o proxecto xunto con Raúl Treus, concelleiro de Política Social; Faustino Rodríguez, xerente de AGADEA e Vanesa Tubío, coordinadora de AGADEA en Barbanza.
AGADEA Hábitat é un proxecto pioneiro e humanizador co que se vai transformar un dos antigos edificios das vivendas dos mestres de praia Xardín nun espazo vivo, aberto á comunidade e centrado na saúde e benestar das persoas maiores. Un espazo de 500m² de superficie que se van converter nun centro híbrido e innovador de atención diúrna e respiro familiar e convivencia para a veciñanza de Boiro e a comarca do Barbanza.
“Trátase dun proxecto que recupera un espazo público dándolle unha segunda vida cun enfoque social e innovador para as persoas de Boiro, que vén a aportar máis prazas de atención diúrna a maiores e persoas con demencia, onde existen grandes listas de agarda en toda a comarca”, recoñeceu Isabel Gey.
Os obxectivos deste proxecto van ser “recuperar un espazo abandonado e dar unha segunda vida cunha perspectiva social e inclusiva; ofrecer atención sociosanitaria de calidade para as persoas maiores e persoas con demencia de Boiro e a comarca do Barbanza; crear un modelo de respiro familiar participativo e humanizado; así como fomentar a convivencia interxeracional e comunitaria”.
Darase forma a un centro de día con 26 prazas para a atención de persoas do concello de Boiro e a comarca do Barbanza; servizos de atención no fogar, fisioterapia, atención sanitaria e acompañamento terapéutico; así como outros espazos abertos pensados para o benestar emocional.
“Estamos moi contentos de que este proxecto pioneiro se vaia desenvolver en Boiro e que ademais do servizo que vai prestar lle dea unha segunda vida aos edificios das vivendas dos mestres e poder humanizar esta zona”, afirmou o alcalde
Mediante este convenio o Concello de Boiro cede a AGADEA este inmoble por 50 anos para levar a cabo o proxecto AGADEA Hábitat. Para iso, a entidade vai levar a cabo un investimento de 857.366,22 euros co obxectivo de adecuar as instalacións.




