A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude aprobou o investimento en Noia é de 11.000 euros para o cortalumes e actuación prevención de incendios no teatro Coliseo Noela mentres que en Carnota recibirá 11.500 euros para a mellora das instalacións da axencia de lectura municipal.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude vén de resolver as axudas para a mellora de equipamentos culturais que, nesta convocatoria, contribúen á mellora de 44 infraestruturas de toda Galicia. Trátase dunha medida que conta cun orzamento de 500.000€ destinada a actuar en bibliotecas, arquivos e locais culturais municipais para modernizar estes espazos.
Deste xeito, tal e como se publica no Diario Oficial de Galicia, estes apoios incrementarán a calidade da oferta cultural de 20 centros bibliotecarios, 13 centros ou locais socio-culturais, cinco casas da cultura, un salón de actos, tres auditorios, un xeoparque, un teatro coliseo, un museo e un pazo. Do total dos proxectos, 22 están na provincia da Coruña, 11 na de Lugo, 6 na de Ourense e 5 na de Pontevedra.
Esta convocatoria axudará a sufragar os gastos de reformas, obras de ampliación ou traballos de mellora da accesibilidade. Ademais, tamén poderán destinarse a adquirir equipamento como material escénico, iluminación, son ou audiovisual, entre outros.
Estas axudas enmárcanse no compromiso da Xunta por mellorar e impulsar o equipamento das unidades culturais galegas e garantir o acceso á cultura a todos os galegos en liña co futuro plan de modernización das infraestruturas culturais públicas de Galicia, a folla de ruta na que traballa o Goberno galego. De igual xeito, encádrase na Lei de cultura inclusiva e accesible que entrou en vigor a principios deste mesmo ano, pioneira a nivel europeo e que inclúe medidas para facilitar o acceso universal á programación cultural.



