O socialista Francisco Pérez Caamaño foi elixido este luns novo alcalde de Noia ao prosperar a moción de censura presentada polo PSOE e apoiada por BNG, Marea Cidadá e o concelleiro non adscrito Luis Alamancos, que sumaron nove votos, a maioría absoluta do pleno municipal. A iniciativa desbanca así ao popular Santiago Freire, que gobernaba en minoría xunto ao grupo independente N.O.I.A.

A votación foi posible tras a recente sentenza do Tribunal Constitucional que eliminou a directriz da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (LOREG) que impedía tramitar mocións de censura cando dependían do voto dun tránsfuga. Alamancos, elixido nas últimas municipais baixo as siglas do PP, abandonou o grupo popular hai meses para pasar a ser non adscrito, tras un enfrontamento pola aprobación das contas municipais.
Durante o pleno, o rexedor popular Santiago Freire. acusou ao edil non adscrito de “traizoar a confianza” do PP e responsabilizouno da perda da alcaldía. Alamancos respondeu cunha crítica directa á súa xestión: “Grazas, señor Freire, por ensinarme nestes dous anos a forma máis clara de como non se debe facer política”.
No seu discurso de investidura, Pérez Caamaño defendeu o apoio recibido por Alamancos e atribuíu a responsabilidade da moción ao exrexedor popular: “A culpa ten nome, e é Freire, porque non sabe xestionar a vila. Nós só interpretamos o papel que nos corresponde neste dramático episodio”.
Co cambio de goberno, o PSOE asume a alcaldía de Noia con respaldo de tres forzas políticas e dun edil independente, abrindo unha nova etapa política no municipio.



