Dotacións do Consorcio Provincial de Bombeiros da Coruña, procedentes dos parques de Boiro e Ribeira, puxeron rumbo este mércores á zona de Verín (Ourense) para colaborar nas tarefas de extinción dos graves incendios que afectan á provincia.
Xunto a eles tamén se mobilizaron efectivos do Parque Comarcal de Betanzos e da Agrupación de Defensa Contra Incendios (ADC) Bombeiros Costa da Morte. Estes equipos únense ao amplo operativo despregado pola Xunta, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e as administracións locais para frear o avance das lapas.
As condicións meteorolóxicas, con altas temperaturas e vento, están a complicar os traballos, polo que o reforzo de medios doutros puntos de Galicia resulta clave para conter o lume e protexer as zonas habitadas e os recursos naturais.




