
A campaña Quincenas Fantásticas, organizada pola Asociación Boirense de Empresas (ABE), chegou ao seu final e fíxoo, segundo informou a entidade organizadora, “cun balance moi positivo”. En concreto, batéronse todos os récords de participación nas súas dúas quendas de sorteo.
Na mañá deste 4 de agosto realizouse o segundo e último sorteo da campaña, correspondente á segunda quincena, na que se rexistraron 2.395 tíckets de compra, superando amplamente os 2.000 rexistrados na primeira quincena, “que xa representaban o mellor dato de participación de todas as edicións anteriores”, salientou a ABE.
As persoas premiadas foron:
-Beatriz Rodríguez López, por unha compra en Peppo Moda
-María Rego Hermida, por mercar en Zapatería Celia
-Clara Romero, grazas a unha compra en Cosmos Tendas Multiprezos
Cada cliente afortunada recibirá Bonos ABE sen caducidade, para seguir desfrutando do comercio de proximidade nos máis de 200 negocios asociados.
Dende a ABE destacan “o éxito desta edición”, cunha “resposta cidadá masiva que confirma o compromiso da veciñanza con Boiro e co seu tecido comercial”.
Daniel García, presidente da ABE, salientou que con esta edición “superamos todas as expectativas. As Quincenas Fantásticas demostraron que cando unimos premios atractivos, dinamización e implicación empresarial, o resultado é extraordinario. Grazas a todas as persoas que apostaron polo comercio local.”
A campaña foi posíbel grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e ao apoio de todos os establecementos participantes. A ABE continuará a traballar para “seguir ofrecendo iniciativas que poñan en valor o comercio de sempre, o que nos fai únicos”.




