Ambar anima ás persoas con diversidade funcional a gañaren autonomía e apoderamento co proxecto Comunidade

12 Agosto 2025

A Asociación Ambar das Persoas con Diversidade Funcional, con sede no Barbanza, está a celebrar o éxito e o impacto positivo do seu proxecto Comunidade: Apoio en Contextos Naturais, destacando a historia inspiradora de Irene, unha persoa usuaria que acadou unha maior autonomía no seu tempo de ocio.

O proxecto, co-financiado por Fundación “La Caixa”, conta co apoio e a colaboración dos Concellos de Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo e Porto do Son, e ten como obxectivo principal que as persoas con diversidade funcional poidan elixir e participar plenamente nos recursos e actividades das súas contornas naturais, garantindo así o seu dereito a unha vida independente na comunidade.

Irene, unha das participantes no proxecto, manifestou o seu interese en gozar do seu ocio de elección propia. A través do acompañamento e o apoio proporcionado por Ambar, a moza puido levar a cabo as súas actividades preferidas de forma autónoma, demostrando que a verdadeira inclusión radica na posibilidade de decidir e participar activamente sen barreiras.

“O caso de Irene é un claro exemplo de que o noso traballo está dando froitos”, sinalou Marta Alende, terapeuta ocupacional de Ambar e coordinadora do proxecto, engadindo que “o noso compromiso é apoderar a cada persoa para que sexa a protagonista da súa propia vida. Cando unha persoa pode elixir como, onde e con quen goza do seu tempo libre, estamos a construír non só autonomía e confianza, senón tamén unha sociedade máis xusta e accesíbel para todas as persoas”.

Ambar, que leva máis de 40 anos traballando na comarca da Barbanza, reitera deste xeito a súa “aposta por este modelo de intervención, que busca saír do centro para achegar os apoios directamente á comunidade, fomentando así a participación e a conexión social”. O proxecto segue en marcha e dende a asociación animan a todas as persoas con diversidade funcional que desexen gañar autonomía e apoderamento a informarse e sumarse á iniciativa. Para máis información sobre o proxecto ou para inscribirse, as persoas interesadas poden contactar no teléfono 647 60 96 40, escribir un correo a comunidade@asociacionambar.org ou cubrir o formulario dispoñíbel na Rede.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.