A Secretaría da Lingua impulsa unhas xornadas para divulgar os aspectos menos coñecidos da Historia de Galicia (con premio para Manuel Gago, comunicador da Pobra)

26 Agosto 2025

A Xunta, a través da Secretaría Xeral da Lingua, impulsa a primeira edición das xornadas Compostela Histórica. Celebraranse os días 26 e 27 de setembro en Santiago e nelas atoparán divulgación os aspectos menos coñecidos da Historia de Galicia, a través de conferencias impartidas por unha ducia de escritores, músicos, arqueólogos, historiadores e investigadores, entre os que se atopan Pedro Feijóo, Bieito Romero, Lidia Merenciano ou Cristian Gálvez.

“Coñecer mellor e con máis rigor de onde vimos sérvenos para ter claves que non só nos permitan entender o noso presente, senón como seguir mantendo e preservando a cultura e lingua propia do noso pobo”, salientou na presentación do programa o secretario xeral da Lingua, Valentín García, quen puxo en valor que, aínda que a inscrición ás xornadas está aberta o público xeral, vai ter á comunidade educativa como principal destinataria.

Por estes motivos, xunto co departamento de Lingua da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, colaboran nesta actividade o Centro Autonómico de Formación e Innovación e o instituto Rosalía de Castro, de Santiago de Compostela. Precisamente, neste centro é onde se desenvolverá a xornada de mañá do primeiro día, 26 de setembro, que estará dirixida exclusivamente para estudantes de secundaria, mentres que no resto da programación poderá participar o público xeral. Para iso, terá que inscribirse no portal www.compostelahistorica.org, mentres que os docentes deberán facelo a través da aplicación fprofe da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

Dirixidas polo novelista e profesor compostelán Rodrigo Costoya, Valentín García destacou que as xornadas Compostela Histórica contarán “con algunha das voces máis importantes en varías áreas especializadas”. Así, apuntou a participación de relatores como Bieito Romero, fundador e líder de Luar na Lubre, para divulgar os seus coñecementos sobre a música celta ou de Merche Espiño, mestra e investigadora que afondará sobre a etapa persoal e creativa de Rosalía de Castro en Santiago.

Outra das conferencias correrá a cargo do escritor Pedro Feijoo. O autor de Os fillos do mar fará repaso dalgúns dos episodios máis salientábeis de Galicia que adoita abordar tamén nas súas obras, mentres que a novelista Carmen Blanco dará a coñecer detalles descoñecidos sobre a Revolta Irmandiña.

Pola súa banda, Julio Rodríguez, presidente da Federación Española de Asociacións de Profesoras-es de Matemáticas, guiará o público no paseo Unha ollada matemática sobre os monumentos de Compostela; e Alejandro e Luís Padín, autores da Guía dos viños de Galicia, percorrerán momentos imprescindibles da nosa historia a través da cultura do viño.

As xornadas tamén contarán coa presenza de Christian Gálvez, novelista e comunicador, quen se ten documentado sobre a vida dos apóstolos para abordala con profundidade na súa última novela, Te he llamado por tu nombre. Completa as xornadas a conferencia de Lidia Merenciano, arqueóloga e divulgadora, quen descubrirá algún dos achados arqueolóxicos máis importantes dos últimos tempos, tal e como adoita a facer nas súas contas de redes sociais, seguidas por máis de medio millón de persoas.

Ademais, Fernando Patricio, escritor e presidente da Asociación Naufraxios galegos, ilustrará os principais accidentes mariños acontecidos na nosa Comunidade, mentres que Xosé Iglesias, mariñeiro, artista plástico e poeta, establecerá vencellos entre a súa poesía coa historia dos mariñeiros galegos. Por último, completará este programa, o escritor canario José Zoilo, autor da triloxía Las cenizas de Hispania, quen disertará sobre a caída da Gallaecia romana.

Premios

Finalmente, Compostela Histórica tamén outorgará un premio individual e outro a un colectivo como recoñecemento a unha traxectoria en prol da divulgación e defensa da historia e a cultura de Galicia. Nesta edición, a distinción persoal recae sobre o xornalista e divulgador pobrense Manuel Gago (Palmeira, 1976), mentres que ao dunha entidade será para pór en valor o traballo da Casa Museo de Cristóbal Colón, situada no municipio pontevedrés de Poio.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Etapas vitais” – José Manuel Pena

“Etapas vitais” – José Manuel Pena

O verán é unha boa estación para o descanso, a lectura e a reflexión, sen esquecernos do goce da praia ou do monte, segundo as preferencias de cada quen. Cando miramos atrás dámonos conta da experiencia que adquirimos co paso do tempo e dos erros que cometemos, na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.