Ribeira renovará o firme da contorna da igrexa de San Xián de Artes cun investimento de case 77.000 euros

O Concello de Ribeira vén de adxudicar as obras de pavimentación da contorna da igrexa parroquial de San Xián de Artes, unha intervención destinada a mellorar e poñer en valor un espazo de especial relevancia patrimonial e veciñal.
O proxecto contempla a demolición do actual firme de aglomerado, xa deteriorado, e a súa retirada a un vertedoiro autorizado. No seu lugar, instalaranse lousas e lastras de granito, un material máis acorde coa contorna histórica e co valor patrimonial do templo. O deseño incluirá pendentes que garantan a correcta evacuación da auga da choiva.
A obra, cun orzamento de 76.698,62 euros, foi adxudicada á empresa Excavaciones Nima e finánciase a través do POS+ da Deputación da Coruña.
O alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, salientou que a actuación non só mellorará a contorna da igrexa, senón que se suma a outros investimentos desenvolvidos na parroquia nos últimos dous anos. Entre eles destacou o parque infantil (115.000 €), o saneamento e abastecemento en Arribas (99.000 €) e a mellora dos pluviais en Outeiro (32.000 €).
En total, segundo o rexedor, a cifra global de investimentos en Artes ascende a 320.000 euros, destinados a infraestruturas, servizos básicos e espazos públicos, aos que se engadirá a renovación da estrada xeral entre Xarás e Olveira. “Estamos a transformar Ribeira cun modelo de investimento responsable que mellora a vida das veciñas e veciños”, afirmou Pérez Barral



