A Asociación Boirense de Empresas (ABE) continúa quecendo motores para a campaña Boiro, Compras con Corazón, que se celebrará do 16 ao 23 de agosto. Trátase, segundo a patronal, “da acción máis ambiciosa da historia da entidade, cun amplo programa de actividades, premios e dinamización do comercio local”. Nesta segunda fase de comunicación, a ABE dá a coñecer un dos elementos máis distintivos da campaña: os Vales Corazón. Trátase de convites especiais que “permitirán acceder a actividades e experiencias exclusivas durante a campaña, como degustacións gastronómicas, actividades infantís (inchábeis normais e acuáticos) e agasallos directos.

Estes vales non teñen valor económico, pero funcionan como chave de acceso a contidos exclusivos dentro da programación, confirmou a ABE.
Como se poden conseguir?
Os Vales Corazón estarán dispoñíbeis unicamente a través das empresas asociadas á ABE e na haima de información situada nas rúas de Boiro.
Non estarán á venda nin se poderán conseguir fóra dos circuítos oficiais da campaña. O seu obxectivo é recoñecer e premiar a fidelidade dos clientes do comercio local, facendo partícipe á cidadanía dun proxecto colectivo.
Un símbolo de pertenza
A ABE engade que os Vales Corazón representan “moito máis ca un convite, son un distintivo de participación activa na campaña, un símbolo de apoio ao comercio de proximidade e unha ferramenta para reforzar vínculos entre negocios e clientela”.
O Mercado Municipal, punto de partida
A campaña comezará cun acto inaugural o sábado 16 de agosto ás 13:30 h no Mercado Municipal de Boiro. A clausura será o sábado 23 cun sorteo final de 5.000 € ás 21:30 h na praza do Concello, acompañado dun gran espectáculo para todos os públicos.
O programa completo será presentado oficialmente o 12 de agosto, nun acto público no Balcón do Concello.
“Queremos que os Vales Corazón impliquen a toda a vila, tamén ás empresas que non son comercio, e se convertan nun pequeno detalle que leva consigo todo o espírito da campaña”, sinala Daniel García, presidente da ABE, engadindo que “estamos ante unha campaña histórica para o noso comercio, pero tamén para todo Boiro como comunidade que aposta polo que é seu”.
Boiro, Compras con Corazón está organizada pola Asociación Boirense de Empresas, co-financiada pola Xunta de Galicia e conta coa colaboración do Concello de Boiro. O CCA de Boiro é un dos 5 proxectos premiados na campaña de dinamización extraordinaria da Xunta de Galicia 2025.




