A interpretación do himno galego por parte de Andrea Torrado e do grupo de música tradicional Lajareu e o izado de velas marcou o comezo oficial do XVII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que se celebra desde este xoves 17 até o domingo 20 de xullo en Ribeira. Este evento, organizado de forma conxunta por Culturmar, a Real e Ilustre Confraría da Dorna e o Concello de Ribeira, volve ás súas orixes 32 anos despois, xa que foi en Santa Uxía onde se celebrou a primeira edición en 1993.

Antes do izado de velas, as autoridades deron os seus discursos inaugurais. A quenda de intervencións comezou con Juan José Segade, presidente da Real e Ilustre Confraría da Dorna de Ribeira, quen asegurou que o número de barcos inscritos, así como o voluntariado e a implicación veciñal “superou as expectativas”. “Foron moitos meses remando”, dixo Segade, “para realizar un Encontro de altura”. Deste xeito, Ribeira convértese no primeiro concello de Galicia en acoller por segunda vez un Encontro.

Soledad Agra interveu en representación da Deputación da Coruña, quen deu a benvida a “esta gran festa da cultura e do patrimonio marítimo e fluvial de Galicia”. Agra destacou que Galicia “é un país cunha incríbel cultura, patrimonio material e inmaterial; e riqueza natural que case nunca somos quen de valorar como se merece”. A deputada provincial falou da importancia de poñer en valor “o noso patrimonio marítimo, que vai da man da posta en valor do noso entorno natural, da nosa artesanía, da nosa fala, da nosa gastronomía, da nosa música e baile e de todo iso que se celebra nesta festa da exaltación da cultura mariñeira”.

Agra salientou durante a súa intervención o traballo das asociacións que “salvagardan o patrimonio das embarcacións tradicionais que estaban xa en risco de desaparecer para que volvan a lucir navegando polas nosas rías e ríos”. Tamén se referiu á “cultura, patrimonio material e inmaterial e riqueza natural de Galicia”. “Por iso”, engadiu, “ten tanto valor o que hoxe estamos desfrutando aquí en Ribeira, a reivindicación do noso, que vai da man da posta en valor do noso entorno natural, da nosa artesanía, da nosa fala, da nosa gastronomía, da nosa música e baile, de todo iso que se celebra nesta festa da exaltación da cultura mariñeira nas actividades paralelas”.

En nome da Consellería do Mar estivo presente a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ánxeles Vázquez, quen afirmou que no Encontro “danse cita a memoria e o futuro, a paixón polo mar e a responsabilidade de conservalo para xeracións vindeiras”. Vázquez convidou a toda a cidadanía a “gozar destes días. A aprender, a compartir e a deixarse inspirar pola forza dunha tradición que segue viva”. A representante da Xunta afirmou que, 32 anos despois, en Ribeira, “volvemos ás nosas orixes, reafirmando a importancia de preservar e promover o noso patrimonio marítimo e fluvial”.

Pola súa banda, o presidente de Culturmar, Xosé Luís Sacau, destacou o “carácter colaborativo e integrador do Encontro”, desde as persoas voluntarias a todas as asociacións, tripulacións, expedicións, entidades públicas ou privadas e institucións que o fan posible. Sacau sinalou que todos fan un traballo de voluntariado porque participan dunha mesma vontade: as tripulacións, “traendo os seus barcos, desde o máis humilde ao máis espectacular”, as expedicións, “exhibindo as culturas mariñeiras propias”, as entidades privadas “poñendo o seu graniño de area”. O presidente da Federación tamén agradeceu a colaboración de todas as persoas que estarán presentes en Ribeira con expositores, aos artistas, artesáns e ás institucións que poñen “os recursos públicos ao servizo dun patrimonio que tamén é público e compartido, sexa en forma de financiamento ou en forma de cesión de espazos e recursos materiais ou humanos”. Sacou fixo especial mención “ás xentes do mar de Ribeira e á cidadanía en xeral, que verá alterada a súa actividade para recibir e dar acubillo á gran festa do mar de Galicia”.

Pechou o acto institucional o alcalde de Ribeira. Luís Pérez Barral, quen lembrou que “hai 32 anos, levantáronse por primeira vez as velas en Santa Uxía, e hoxe repetimos ese nacemento no que queremos demostrar que o noso vínculo co patrimonio marítimo segue en pé”. O rexedor local asegurou que “este porto, un dos máis importantes de baixura de Galicia e de Europa, foi berce de todo tipo de embarcacións, de carpinteiros que coas súas mans traballaron a madeira coas que darlle forma a esas embarcacións que hoxe seguimos desfrutando e navegando”. Pérez Barral lembrou cando era neno “me quedaba mirando para os barcos que ían entrando no porto de Ribeira. Gustábame ver como abrían
coas súas proas o mar e ían deixando tras de si un ronsel de gaivotas, que voaban baixiño, case rozando a auga, para recoller o peixe que se desbotaba”.
Pérez Barral rematou a súa intervención lembrando sirena da Lonxa ribeirá. “Cando soaba, sabías que a vida se activaba: que chegaba peixe, que se ía vender, e por tanto era o sustento de moita xente”. “Iso tamén é patrimonio”, engadiu, e “forma parte da nosa memoria colectiva. E é ese vínculo co mar o que hoxe celebramos con orgullo neste Encontro”.



