
O Festival Atlántica leva este venres 11 de xullo, á Terraza do Náutico no Freixo de Outes, o espectáculo Lavandeiras, unha proposta de poesía e música de Vero Rilo e Santi Cribeiro que revisita as historias e cantos das mulleres que lavaban nos lavadoiros e regatos. A actividade, que comezará ás 21 horas, ten entrada libre ata completar o aforo, e é posíbel grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e ao patrocinio do Concellos de Outes.
Lavandeiras é unha viaxe polas vivencias das mulleres e a súa relación co traballo, a memoria e a identidade. Mulleres que de xeonllos, coas mans na auga e os pensamentos a ferver, lavaban roupa… e tamén feridas. Neste espectáculo Rilo e Cribeiro poñen voz e música a esas historias silenciadas que fluíron polos regatos e polos tempos.
Vero Rilo é narradora oral, un oficio que exerce con paixón e compromiso dende o ano 2013, logo de deixar atrás a súa etapa como educadora infantil. Dende entón, percorre escenarios e espazos comunitarios contando contos, historias de vida e outras lerias, combinando tradición e actualidade cunha voz que busca (re)construír memoria colectiva. Nos seus espectáculos, a música acompaña e acolle un repertorio marcado pola mirada feminista, a memoria histórica, os afectos e a resistencia. Rilo conta para non perder: o que foi, o que é e o que outras foron, co convencemento de que contar é un acto de coidado e rebeldía.
Santi Cribeiro é acordeonista e compositor. Aínda que se formou como pianista, o acordeón conquistouno dende moi novo, cando comezou a tocar con Debadoira na súa vila natal, Cedeira. Instalado en Vigo, forma parte do Grupo Didáctico de Instrumentos Populares da Universidade Popular, e a comezos dos anos 90 funda Matto Congrio xunto a músicos como Anxo Pintos, Isaac Palacín e Carlos Núñez. En 1995 é cofundador dunha das formacións referencia do folk galego contemporáneo: Berrogüetto. Ao longo da súa traxectoria colaborou con artistas e proxectos emblemáticos como Uxía Senlle, A Banda das Crechas, Fuxan os Ventos ou Anubía. Dende 2019 integra Os d’Abaixo, co que publica o disco Somos Pedra, reafirmando o seu compromiso cunha música que bebe da raíz para dialogar co presente.
Festival Atlátnica
Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico. Traballa a prol da posta en valor dunha arte escénica amarrada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e ampara, xera e difunde unha narrativa integradora, igualitaria e sostible.



