Este sábado 12 de xullo a praza do Tapal, en Noia, vai ser o escenario do espectáculo Xuntos pola música, que rende homenaxe a un dos grandes da nosa cultura: o músico galego Juan Pardo, autor de temas inesquecíbeis como Anduriña, Bravo por la música ou Caballo de batalla.
Dará comezo ás 22:00h e ofrecerá ao público case dúas horas de concerto “cun repertorio cheo de lembranzas, sentimentos e moita paixón pola música”, sinalan dende a Área de Cultura do Concello, lembrando que Xuntos pola música é un espectáculo único que rende homenaxe ao extraordinario legado de Juan Pardo, revivindo os seus grandes éxitos e o seu impacto na música española. Sobre o escenario, Antonio Barros, Lys Pardo, iAlma e Fernando Calderón, xunto a dous músicos de directo, dan vida a este emotivo tributo. A voz de Lys Pardo, filla do artista, achega unha conexión íntima e especial, facendo de cada interpretación unha viaxe a través da nostalxia e a maxia.



