
O presidente da empresa da nosa comarca CONGALSA, Luis Miguel Simarro, e a xefa de Relacións Externas, Ana Garrido, recibiron na mañá deste 28 de xullo, nas instalacións da compañía no Polígono da Tomada (A Pobra) á subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas López, no marco dunha visita institucional que puxo en valor o papel da industria transformadora do mar na economía galega e a súa capacidade para liderar procesos de innovación e crecemento sostíbel.
Durante o encontro, a subdelegada asinou no libro de honra da empresa e mantivo unha reunión de traballo co equipo directivo na que se abordaron temas estratéxicos para o desenvolvemento do sector, así como o impacto positivo que os Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE) están a ter no ecosistema industrial galego.
Rivas puido coñecer de primeira man o modelo de produción de CONGALSA, baseado na incorporación de tecnoloxías avanzadas, a mellora continua dos procesos e unha firme aposta pola sustentabilidade, a internacionalización e a innovación de produto.

A subdelegada lembrou que a empresa “é un referente na elaboración de alimentos preparados e ultraconxelados, exportando a máis de 30 países e xerando emprego de calidade na comarca do Barbanza”.
Pola súa banda, Luis Miguel Simarro sinalou que “para CONGALSA é un orgullo recibir á subdelegada do Goberno e mostrarlle o traballo que desenvolvemos cada día desde Galicia para ofrecer produtos de calidade ao mundo. Somos unha empresa comprometida co territorio, co emprego e coa evolución cara a un modelo industrial responsábel, competitivo e innovador”.
María Rivas destacou o papel de CONGALSA como exemplo de como a industria alimentaria galega pode crecer desde a innovación, a sustentabilidade e a cooperación público-privada. “Visitar CONGALSA é comprobar como desde Galicia pódense liderar procesos de transformación que proxectan ao exterior o mellor da nosa terra: calidade, tradición, innovación e compromiso social”, sinalou a subdelegada.
Na súa intervención, Rivas subliñou tamén o apoio do Goberno de España a través dos PERTE e outras liñas do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, que están a permitir a moitas empresas como CONGALSA mellorar a súa competitividade, rendibilidade e sustentabilidade. “Estas axudas representan un compromiso firme do Goberno para fortalecer o tecido industrial, facilitando a incorporación de tecnoloxías avanzadas, fomentando a innovación e apoiando proxectos que garanten un desenvolvemento económico sostíbel e un impacto positivo no emprego local”, explicou a subdelegada

Axudas do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación
Recentemente fíxose pública a resolución do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación pola que CONGALSA recibe unha axuda de 2.790.482 euros das actuacións destinadas ao fortalecemento industrial da transformación de produtos da pesca e acuicultura, dentro do proxecto estratéxico para a recuperación e transformación económica do sector agroalimentario, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiadas con fondos “Next Generation”. Estas axudas melloran a competitividade, a sustentabilidade, a rastrexabilidade e seguridade alimentarias na industria de transformación da pesca e a acuicultura.
O Goberno de España no marco destas axudas concedeu un total de 40 millóns a 19 empresas españolas, das que cinco son coruñesas, ás que destinou un total de 13.039.284 euros:
• JEALSA Foods SA, 5.000.000€
• FRINSA del Noroeste SA, 3.147.801€
• Conserveros Reunidos SL, 866.028€
• SALICA Alimentos Congelados SA, 1.234.973€
• CONGALSA SL, 2.790.482€



