Xa están abertas as inscricións para a Andaina da Santa Compaña de Rianxo, que se celebra na noite entre o 16 e o 17 de agosto, con prazas limitadas e con saída ás 23.00 horas do sábado e chegada o domingo 17 ás 3.00 horas. O prazo de inscrición estará aberto até o 14 de agosto.
Podemos achegar os nosos datos persoais e asegurar a nosa praza na web Rockthesport.com. Trátase dunha actividade de lecer, deportiva, lúdica e cultural organizada pola Sociedade Deportiva Barbantia Roda coa colaboración do Concello de Rianxo. O percorrido será de 8 quilómetros.
Celebrarase en horario nocturno: de 23:00 a 3.00 horas. As persoas de idades comprendidas entre os 14 e os 18 anos poderán participar cunha autorización por escrito dos proxenitores. Entre os 8 e os 14 anos ademais do anterior deberán ir acompañados/as dun adulto.
O punto principal da actividade sitúase na Area Recreativa de Campo Maneiro, na parroquia de Taragoña. A andaina iniciarase ás 23:00 h. realizando un percorrido circular ata a aldea de Ourille pasando polo alto do Castro Barbudo e rematando de novo na area recreativa campo Maneiro.




