A RAG afondará nos nomes do mar a través da X Xornada de Onomástica Galega

07 Xullo 2025

A Real Academia Galega dedicará aos nomes do mar a X Xornada de Onomástica Galega. As persoas que desexen participar neste encontro divulgativo aberto a todo o público xa poden inscribirse na web da institución. O Museo de Pontevedra acollerá o 4 de outubro (sábado) o programa, que afondará a través de seis relatorios na riqueza da microtoponimia das terras ribeiregas e mais nos nomes das áreas mergulladas, as realidades invisíbeis dos fondos mariños. O escritor e músico coruñés Xurxo Souto poralle o ramo á cita coa actuación titulada A ruta de Ulises Fingal.

1.500 quilómetros de litoral galego

O Seminario de Onomástica organiza un ano máis as xornadas sobre os nomes propios coa colaboración da Deputación de Pontevedra e o Museo de Pontevedra, nesta ocasión ollando cara aos preto de 1.500 quilómetros de litoral cos que conta Galicia, que chegan a 2.500 se se ten en conta o que rodea as súas illas, as marismas e areais.

A RAG explica que na actualidade “este tesouro cultural corre o risco de se perder por mor dos cambios profundos que trouxeron a tecnoloxía da navegación e a industrialización da pesca”. A X Xornada de Onomástica Galega exporá diversas experiencias centradas na súa preservación e divulgación, e que poden ademais servir de inspiración para a posta en marcha doutras iniciativas co mesmo propósito.

María Ángeles Piñeiro Antelo, especialista en análise xeográfica da Universidade de Santiago de Compostela, ofrecerá unha intervención sobre a cartografía histórica como instrumento para o estudo da variación dos nomes do litoral ó longo do tempo. Lucía López e Aarón Ferrari, da mesma institución, analizarán as características dos nomes dos barcos e das bateas nas Rías Baixas; e a profesora de ensino medio da Illa de Arousa Helena Domínguez García, gañadora do Premio de Investigación e Cultura Marítima Luis Rei, exporá a súa experiencia na recollida da talasonimia.

A xornada contará tamén con Xosé Lois Vilar, arqueólogo e especialista en nomes do mar e membro do Instituto de Estudos Miñoráns, que proporá estratexias para a divulgación dos nomes do mar; e mais co mariñeiro Tito o Chirlo, que exporá un testemuño de primeira man sobre o seu caderno de marcas. Por último, o filólogo e investigador do Instituto da Lingua Galega (ILG) da USC Xosé Manuel Dopazo Entenza compartirá a súa experiencia nas aulas de secundaria traballando cos nomes dos barcos.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.