A décima edición da proba de natación en mar aberto Arousaman e Arousawoman celebrarase o vindeiro 26 de xullo. Será novamente unha travesía a nado en favor das persoas con dano cerebral adquirido, concretamente en favor da asociación Sarela de Santiago. Terá un percorrido de 7 millas náuticas, 13 quilómetros que conectarán a beira sur e norte da ría de Arousa con saída na praia de Confin (O Grove) e chegada na praia de Coroso (Ribeira).

A saída será ás 9:00 horas dende O Grove, con chegada prevista a Ribeira ás 14:00 horas. Un total de 65 nadadores, entre eles 16 mulleres, participarán nesta esixente proba de resistencia en augas abertas. Trece deles afrontarano sen neopreno, incluíndo 4 mulleres,
Na presentación da proba, celebrada os días pasados, o presidente de Arousamán, Juan Ramón Martínez, falou da idea inicial alá polo 2015 de representar ou facer unha analoxía coa enfermidade, creando unha proba dura como é cruzar a ría de Arousa a nado: “Intentamos representar como durante 4 horas os nadadores están no mar pelexando coas adversidades que marca o propio entorno, as correntes, a temperatura e as condicións atmosféricas; pero tamén para entender como unha familia durante 24 horas ao día e 365 días ao ano tense que enfrontar a esa mesma situación”.
Martínez sinalou que a travesía contará nesta edición con representación de 12 comunidades autónomas e a presenza de nadadores internacionais procedentes de Países Baixos, Brasil e Portugal.
Todo o beneficio recadado das doazóns, será íntegro para a asociación Sarela.
Como antesala, o 25 de xullo ás 19:00 h, celebrarase o encontro Falando entre ondas / Falando entre ondas no novo Auditorio de Ribeira (apertura de portas ás 18:30 h). Estará presentado pola nadadora olímpica ribeirense María Vilas. Participarán Cristina Camacho, fotógrafa submarina en apnea; Rafa Aledo, adestrador de natación de alto rendemento; e o ribeirense Humberto Ageitos, ultra-fondista e nutricionista.



