
Ribeira despediu este domingo a Lucía Rivas Regueira, compañeira de vida do pintor Manuel Ayaso, quen faleceu aos 84 anos de idade. Malia ter residido durante décadas nos Estados Unidos, onde a parella se estableceu, Lucía nunca perdeu o vínculo coa súa terra natal, que se intensificou tras o regreso definitivo a finais da década dos 90.
O seu falecemento deixa inacabado o proxecto que impulsara no 2023, tras a morte do seu marido: a creación dunha fundación para custodiar e difundir a obra do recoñecido artista ribeirense. Un compromiso que ela mesma asumira con determinación, iniciando xestións co Concello de Ribeira e o Museo do Gravado de Artes, aos que cedeu parte da obra do pintor.
Lucía marchou de Ribeira sendo nova por amor, acompañando a Ayaso a América logo de que este emigrara con tan só 13 anos e tras coñecerse nunha viaxe no 1959. Alí casaron, tiveron dous fillos —José Luciano, xa falecido, e Mónica— e desenvolveron as súas carreiras: el como pintor de estilo singular e ela como funcionaria no ámbito xudicial.
Durante os anos de emigración, Lucía e Manuel regresaban a miúdo a Ribeira, ata que decidiron establecerse de novo na vila. A partir dese momento, Lucía acompañou de preto a traxectoria artística do seu home, ao tempo que colaboraba con causas sociais e solidarias, como a xunta local da Asociación Española Contra o Cancro ou o colectivo Francisco Lorenzo Mariño de Aguiño, terra á que ambos lle tiñan un fondo apego.
Xa viúva, Lucía non deixou de apoiar iniciativas solidarias. Un dos seus últimos xestos foi a doazón de tres cadros de Ayaso para unha subasta organizada polo Concello de Brión, co obxectivo de axudar a un artista de Valencia afectado por unha traxedia climática.
Persoas próximas destacan a súa dozura, xenerosidade e entrega constante aos demais, cualidades que a fixeron moi querida na comunidade.
Os restos mortais de Lucía Rivas descansan no Tanatorio Crematorio do Barbanza. Por vontade expresa da finada, non se admite duelo nin flores, mais quen desexe honrar a súa memoria pode facelo mediante unha doazón á Asociación Contra o Cancro de Ribeira.
