O Concello de Ribeira renova os vestiarios do Campo de Fútbol Municipal de Oleiros

06 Xuño 2025

O Concello de Ribeira acaba de adxudicar a renovación dos vestiarios do Campo de Fútbol de Oleiros, unha actuación que busca mellorar as condicións actuais deste espazo deportivo, cuxas instalacións, segundo confirmou o Executivo, “están nun estado de conservación moi deficiente tras moitos anos sen actuar neles”.

O proxecto contempla a construción de dous novos vestiarios na zona sur da parcela, xunto ao muro de peche, “que garantirán condicións axeitadas de seguridade, salubridade e funcionalidade para os seus usuarios”, informou o Concello, engadindo que as obras incluirán a execución dunha estrutura metálica de cuberta composta por pórticos de perfís laminados tubulares ancorados a cimentacións de formigón armado, con correas metálicas ás que se fixará o panel de cuberta. Dende esta estrutura suspenderanse tamén o falso teito e os acumuladores de auga quente sanitaria. Os peches exteriores realizaranse con bloque split visto, con trasdosado interior de xeso laminado e illamento de la mineral, mentres que as particións interiores faranse con ladrillo oco dobre. As carpinterías exteriores serán de aluminio lacado, con rotura de ponte térmica e vidro dobre illante de seguridade.

No interior, os vestiarios contarán con revestimentos cerámicos de gres porcelánico de gran formato en paredes e pavimento símil madeira en todo o espazo. O falso teito será desmontábel, con acabado vinílico e illamento de paneis de la mineral. A intervención contempla tamén a instalación completa das redes de evacuación de augas, abastecemento de auga para consumo doméstico, instalación eléctrica de baixa tensión e iluminación, así como a conexión coas acometidas existentes na cantina do recinto.

Para a produción de auga quente sanitaria instalaranse dous paneis solares na cuberta, que será de tipo sándwich con aceiro prelacado HDX nunha cor aínda por definir, cubrindo tamén a zona de acceso ao campo.

Todos os residuos xerados durante os traballos serán xestionados e transportados a unha entulleira autorizada, e establécese unha partida específica no orzamento para medidas de seguridade e saúde.

O Concello explicou que este proxecto cumpre coas normativas vixentes en materia de seguridade estrutural, prevención de incendios, hixiene, saúde, protección ambiental, illamento térmico e acústico, aforro enerxético, accesibilidade e limitacións de uso.

A obra foi adxudicada á empresa Zona de Obra o Rosal, S.L., cun investimento de 146.568 euros financiado a través do Plan POS+ 2023 da Deputación da Coruña, e contará cun prazo de execución de seis meses.

470.000 euros investidos en Oleiros

O alcalde de Ribeira, Luís Pérez, destacou que “esta actuación era moi necesaria para dignificar unhas instalacións moi utilizadas pola veciñanza, especialmente pola mocidade, e garantir que conten coas condicións que merecen.”

Engadiu tamén que “seguimos apostando pola mellora continua das infraestruturas deportivas e polos investimentos nas parroquias, como elemento clave para o benestar e a cohesión social”.

Pérez Barral referiuse aos 470.000€ executados ou previstos que incluíron a pavimentación dos Muíños, o saneamento e accesibilidade na Gándara, xunto os proxectos previstos como a pavimentación dun ramal nos Muíños ou a instalación de novas luces LED no campo de fútbol.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.